Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


ACTOS RELIXIOSOS E PODERES PÚBLICOS

20 de Xullo de 2006
EsCULcA distribuirá o 25 de Xullo en Compostela un Manifesto de protesta pola participación do Presidente da Xunta de Galicia na Oferenda ao Apóstolo. No Manifesto o noso Observatório lembra a necesidade de os poderes públicos respeitaren escrupulosamente o princípio de neutralidade en matéria relixiosa e evitaren "calquer tipo de confusión entre funcións relixiosas e funcións estatais".

EsCULcA é un Observatório de ámbito galego que traballa na defensa dos direitos e liberdades públicas, nomeadamente daqueles que a Constituición española e os Tratados Internacionais regulan e garanten.

En opinión de EsCULcA, o feito de o Sr. Pérez Touriño ter sido designado para apresentar, como Presidente do Governo Galego e por delegación do Xefe do Estado, a Oferenda ao Apóstolo Santiago no dia de hoxe, 25 de Xullo, nun templo relixioso católico e no decurso dun acto litúrxico desta relixión, non respeita algunha destas liberdades e, nese sentido, atinxe o cerne dos nosos obxectivos e traballos.

Como ben se sabe, o Estado español é aconfesional (“Nengunha confisión terá carácter estatal”), e esta aconfesionalidade implica “un princípio de neutralidade dos poderes públicos en matéria relixiosa”, princípio que veda “calquer tipo de confusión entre funcións relixiosas e estatais”. Deste ponto de vista, a neutralidade do Estado obriga as persoas con responsabilidades institucionais a proibiren a si próprias calquer concorréncia en calidade de suxeito de actos ou actividades de signo relixioso. Asi consta na Constituición e asi o declara o Tribunal Constitucional, garante final dos direitos e liberdades públicas; entre eles o do direito a liberdade relixiosa e da aconfesionalidade do Estado.

O Sr. Pérez Touriño, ao igual que o resto dos titulares dos poderes públicos (incluído o Xefe do Estado), foi elexido e nomeado para exercer as funcións que lle atribuen as Leis. Non cabe a menor dúvida que todas as potestades e funcións que teñen atribuídas pola Constituición, o Estatuto de Autonomia e as Leis son exclusiva e estritamente de carácter civil. Como tamén é certo que son os cidadáns e as cidadás, como tais, e non como crentes/non crentes, os que exercen a sua soberania votando para a xestión de governo.

Non hai dúvida tampouco de que facer a Oferenda nun templo relixioso non entra nas obrigas derivadas de garantir a liberdade relixiosa, nen de cooperación con a Igrexa católica e outras confisións.

En consecuéncia, EsCULcA manifesta a sua mais severa crítica à actuación da Presidéncia por participar nesta Oferenda e insta os responsáveis políticos a exerceren as suas potestades institucionais para que doravante nengun membro do Governo da Xunta de Galicia participe en actos ou manifestacións relixiosas en representación daquela ou do Estado.

Galiza, 25 de Xullo de 2006

Categoría: Xeral