Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


ALARMA NA FRONTEIRA HISPANO-MARROQUINA

26 de Febreiro de 2005
SOS Racismo, a Asociación pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) e Chabaka (Rede de Asociacións do Norte de Marrocos) alertan a opinión pública sobre a situación de extrema penúria en que sobreviven centenares de persoas que se amontoan na fronteira de Ceuta cercadas, roubadas e hostilizadas por efectivos do exército marroquino.

As asociacións solidárias chaman a unha acción urxente para evitar a morte das persoas que permanecen expostas ao frio e a fame, ao tempo que esixen das autoridades medidas imediatas que impidan a consumación de unha catástrofe humanitária.

APELO URXENTE DE SOS RACISMO E APDHA PERANTE A SITUACIÓN QUE SE ESTÁ VIVENDO NOS CAMPAMENTOS DE FORTUNA DE SUBSAARIANOS EN MARROCOS

A situación na fronteira sul, entre o estado español e Marrocos, é insuportável. A consecuéncia da maior presenza militar marroquina após as conversas mantidas con as autoridades españolas, persoas que buscan solicitar asilo en território europeu, menores, mulleres e muitos outros que procuran un futuro menos inxusto, están morrendo a dia de hoxe devido a que os militares instalados en campamentos non os deixan aceder nen a comida nen a água. Se son interceptadas, estas persoas son deportadas a Ouhda, na fronteira con Arxélia, onde tamén malviven en terríveis condicións ou morren de frio.

Por iso, facemos un apelo urxente a todas as Instituicións e Organizacións internacionais de direitos humanos, para que interveñan neste drama e fagan que se respeiten os direitos humanos.

Madrid, 17 de Febreiro de 2005.
SOS Racismo e Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía

CHABAKA E APDHA DENUNCIAN AS GRAVES VIOLACIÓNS DE DIREITOS HUMANOS EN BENIUNESH
CENTENARES DE PERSOAS À BEIRA DA MORTE

A Rede de Asociacións do Norte de Marrocos –Chabaka- e a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía –APDHA- despois de visitaren o pasado domingo a zona de Beniunesh, no lado marroquino da fronteira con Ceuta, e constataren as graves violacións dos direitos humanos que se están producindo, fan un apelo urxente aos governos español e marroquino e às instituicións humanitárias internacionais.

Sobre o terreno puderon comprovar que centenares de persoas de orixe africana –homes, mulleres e nenos-, que procuravan encontrar acollida en território europeu, están à beira da morte xa que a policia marroquina os impede de acederen a comida e água. Estas persoas, algunhas delas feridas, son hostilizadas implacavelmente e impedidas de se acobillaren, lavaren ou alimentaren.

As que son detidas son enviadas à fronteira arxelina, onde CHABAKA e APDHA puderon confirmar que tamén se está provocando unha situación infra-humana en que xa se produciron várias mortes por frio ou fame.

Fruto desta desumana situación producen-se numerosas tentativas de entrar à desesperada en Ceuta saltando valados de arame que ultrapasan os seis metros de altura. Tentativas que son rexeitadas polas forzas de orde españolas.

Chabaka e Apdha lamentan que a colaboración hispano-marroquina no capítulo das migracións se traduza nesta violación intolerável dos direitos humanos. Por iso peden a ambos os governos o cesamento imediato da persecución e a acollida humanitária destas persoas.

En todo o caso, chaman às instituicións internacionais a interviren con carácter urxente para deter este drama e esixir respeito da dignidade das persoas e os direitos humanos.

22 de Febreiro de 2005

Categoría: Xeral