AMOESTADO POR COMER DA ÁRVORE
26 de Marzo de 2007
“A Comisión Disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu sancionar con seiscentos euros un maxistrado da Audiencia Provincial de Cantabria por unha falta grave ao incluir consellos relixiosos en sentenzas sobre denuncias entre parellas en trámites de divorcio”, informa o Consello da Avogacia Galega.
A Comisión acordou sancionar o xuiz cántabro por unha falta grave do artigo 418.6 da Lei orgánica do Poder Xudicial ao entender que as expresións contidas nas suas sentenzas xudiciais "son de todo ponto desnecesárias, improcedentes e extravagantes, asi como manifiestamente irrespeitosas do ponto de vista xurídico".
Nunha delas, de Novembro de 2005, en que condenava unha muller a 60 dias de multa por ter dado unha labazada ao marido, o xuiz incluía várias páxinas dedicadas en exclusiva a aconsellar a parella a incluíren nas suas vidas "o Espírito de Xesus Cristo Resucitado, capaz de encher o anelo de vida que teñen os seus corazóns".
Un dos apartados da sentenza comezava asinalando que "hai que partir, como premisa fundamental, da existéncia de Deus, que criou o home/muller (...) e tamén admitir a existéncia do Maligno, que se rebelou contra Deus e constitui-se en principal inimigo do home, ao tentar romper ese lazo de amor".
Por outra parte, reprendia o marido por ter relacións con outra muller máis nova que a sua "que ti supuñas poderia facer-te máis feliz. Apareceu tamén o maligno e dixo-che (...) e vendo que ese fruto proibido era apetecível e bon para lograres sabedoria, ou socialmente correcto, ergueche-te en árbitro do bon e o mau e comeche da árbore".
O xuíz considerava a sua sentenza como "a mellor xustiza que como maxistrado que aspira a ser cristán" podia lles dispensar.
O Tribunal Superior de Xustiza de Cantábria acordou remeter as actuacións do maxistrado ao CXPX a efeitos de "se depuraren as posíveis responsabilidades a que puder haver lugar" con respeito a este xuíz.
Categoría: Xeral |
