Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


A COORDENADORA NO PARLAMENTO

07 de Marzo de 2005
Os pasados dias 22 e 23, unha delegación da Coordenadora para a Prevención da Tortura mantivo as primeiras entrevistas con representantes dos tres grupos do Parlamento Galego a fin de analisaren conxuntamente a posibilidade de a Cámara Galega apoiar activamente a iniciativa desta plataforma a favor da asinatura, ratificación e execución do Protocolo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas.

Apoio que, segundo a Coordenadora, poderia comezar a materializar-se en tres primeiras actuacións:

a) Instar o governo español a que ratifique de imediato o Protocolo e inicie os trámites para o estabelecimento de un mecanismo de visitas aos centros de detención;

b) Reclamar competéncias para a Comunidade Autónoma en matéria de política penitenciária a fin de poder estabelecer un mecanismo análogo de ámbito galego;

c) Integrar o persoal sanitário dos cárceres galegos, na actualidade dependentes de Instituicións Penitenciárias, no SERGAS, tal como se prevé na Lei de Coesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde (Disposición adicional sexta: Transferéncia às comundidades autónomas dos servizos e instituicions sanitárias dependentes de instituicions penitenciárias).

Estas tres medidas serian un primeiro paso, afirma a Coordenadora, no necesário proceso de abertura dos lugares de reclusión ao controlo público. Medida prioritária para prevenir calquer tipo de abuso pois, como é ben coñecido, a opacidade destes espazos é un dos factores determinantes para a comisión de delitos de tortura.

Por outra parte, a delegación suxeriu aos representantes dos diferentes grupos parlametares estudaren a posibilidade de as suas respectivas formacións incluíren no programa eleitoral dos próximos comícios un apartado relativo a medidas encamiñadas à prevención e erradicación de todo tipo de torturas e tratamentos cruéis, desumanos ou degradantes nos centros de retención de persoas que existen en Galiza.

Categoría: Xeral