Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


BDS CONTRA ISRAEL

A campaña gaña forza

08 de Xullo de 2010

Un dos países en que o boicote tomou mais forza é Sul África, onde o fin do Apartheid en 1991 foi posivel grazas à luita interna e a unha intensa e longa campaña global de BDS contra o rexime segregacionista de Pretória.

Ali, o Congreso de Sindicatos Sul-africanos lanzou unha campaña para esixir ao governo o boicote dos produtos israelitas e o cesamento de relacións con Telavive.

A Unión Sul-africana de Traballadores Municipais comprometeu-se a traballar para que todos os concellos do país corten as suas ligazóns con Israel e se somen à campaña de BDS. E o Sindicato de Traballadores do Transporte e Afins de Sul-África decidiu, como xa fixera en 2009 despois do ataque a Gaza, chamar todos os seus afiliados a non permitiren que nengun barco israelita atraque ou descarregue mercadorias en portos sul-africanos.

Unha medida que tamén aplicaron desde o 15 de Xuño durante duas semanas o Sindicato de Estivadores de Suécia e, en Noruega, o Sindicato de Transportistas e o de Traballadores Portuários. Neste último país, segundo un inquérito realizado despois do ataque à Frota da Liberdade, o 43% da populación aplica ou tenciona aplicar o boicote a produtos israelitas. A ministra de Educación norueguesa pediu a todos os países que sigan o exemplo de Noruega e non comercien armas con Israel.


Resposta de Israel

A resposta do Estado sionista perante un movimento que se centra cada vez mais en buscar o fin do apartheid en toda a Palestina histórica (Israel e Territórios Ocupados en 1967), e cuxas dimensións e posíveis consecuéncias inquietan os seus dirixentes, non se fixo aguardar. O 9 de Xuño, 25 parlamentares apresentaron un proxectode lei no parlamento israelita que, de se aprovar, suporia a proibición de calquer acto de boicote. Segundo esta lei, os cidadáns israelitas non poderán iniciar, alentar ou axudar ao boicote contra o Estado de Israel e calquer persoa que viole a orde estará obrigada a pagar "compensacións" às "prexudicadas". Esta norma afectará tamén à Autoridade Palestiniana, que o 26 de Abril se sumou ao boicote proibindo en Cisxordánia o comércio de produtos dos colonatos israelitas e à que o estado sionista castigaria conxelando parte do diñeiro que está obrigado a transferir-lle. Canto às persoas non israelitas que promoveren o boicote, poderán ver proibida a sua entrada en Israel durante un período de polo menos dez anos.
.
Boicote cultural e académico


Mais o boicote continua e fai-se forte tamén nos ámbitos culturais, académicos e deportivos, seguindo o camiño iniciado pola Campaña Palestina para o Boicote Académicos e Cultural a Israel, nacida en 2004.
Nos últimos meses, antes e despois do ataque à Frota, Elvis Costello, Carlos Santana, The Pixies, the Klaxons ou Gorillaz anularon os seus concertos en Israel, e os israelitas temen que outros artistas fagan o mesmo. "A mellor estratéxia para acabar con a cada vez mais sangrenta ocupación é que Israel se converta no alvo dun movimento global como o que puxo fin ao Apartheid en Sul-África", afirma a escritora canadiana, e xudia, Naomi Klein, quen tamén respalda a campaña ao igual que os intelectuais israelitas Ilan Pappé, Haim Bresheeth ou Uri Davis e o músico israelita Gilad Atzmon.
Entretanto, o boicote prospera tamén nas universidades, onde organizacións de profesores e estudantes continuan somando-se à campaña seguindo o exemplo de, entre outros,o sindicato británico University and College Union.
E cada vez son mais as persoas que deixan de comprar produtos cuxo código de barras comeza por 729. Quase calquer evento con participación israelita no mundo é recebido por grupos de boicote, cuxo traballo de presión a governos e empresas logrou éxitos como o desinvestimento do Fondo de Pensións de Noruega e o Danske Bank en empresas israelitas involucradas en violacións de direitos.
Mais próximos a nós están os boicotes de activistas às conferéncias de Xuño na Universidade Autónoma de Madrid, con participación israelitas, ou o éxito dos traballadores da Escola de Enfermaria da Universidade de Valladolid que lograron a retirada dos surtidores de água da empresa israelita Eden Springs.
Tamén a cadea de librarias catalá Cooperativa Abacus retirou das suas tendas o xogo israelita Rummikub despois de unha campaña de denúncia e os organizadores da marcha do orgullo gay de Madrid retiraron o contivo à carroza do concello de Telvavive.

Fonte: Periódico Diagonal



Categoría: Xeral