Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


PARA IMPEDIR CRIMES DE GUERRA

Absolvidos 5 pacifistas que causaron destrozos

02 de Xullo de 2010

Cinco activistas que causaron danos por valor de 180.000 libras nunha fábrica de armamento situada nos subúrbios de Brighton foron absolvidos despois de argumentaren que con a sua acción pretendian prevenir crimes de guerra de Israel.
Os 5 admitiron ter entrado ilegalmente na factoria mais declararon estar convencidos ter actuado dentro da lei por canto EDO MBM, a firma proprietária da fábrica, incumpre a normativa ao producir e vender equipamento militar a Israel que é utilizado nos territórios ocupados. A sua intención, declararon, era obstaculizar a produción dos componentes fabricados nesas instalacións e impedir que Israel cometese crimes contra o povo palestiniano.
Este é último caso de pacifistas e ecoloxistas que recorren con éxito à defensa da "escusa legal" -cometer un delito para evitar un crime grave- como táctica nas suas campañas. Segundo as suas próprias declaracións, en Xaneiro de 2009, despois de asistir durante tres semanas à agresión de Israel à Faixa de Gaza, decidiron actuar. Como demonstrou a investigación da ONU dirixida por Richard Goldstone, no decurso daquela ofensiva Israel cometeu crimes de guerra ao atacar deliberadamente civis.
Na sua recapitulación, o Xuiz George Bathurst-Norman suxeriu aos membros do xúri recapacitaren sobre o que aconteceu na altura . "O inferno na terra non descreveria cabalmente o que sofreron os gazatis", dixo, e lembrou o testemuño de Caroline Lucas, quen afirmou que os activistas "esgotaran todas as vias democráticas" antes de se embarcaren nunha acción como esta.
Dexter Dias, advogado de un dos imputados, acusou Paul Hills, Director de EDO MBM, de mentir na sua declaración como testemuña ao afirmar que a compañia non fornece componentes de armas usadas polo exército israelita.
Previamente, os activistas gravaran entrevistas en que descreven a sua intención de causar danos e, en palabras do fiscal Stephen Shay, "destrozar" a factoria. Estas declaracións foron subidas ao sítio de Indymedia pouco despois de os pacifistas seren detidos.



Categoría: Xeral