Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


MARCHA AO CENTRO PENITENCIÁRIO DE TEIXEIRO

Agresión e actuación policial ainda sen esclarecer

11 de Febreiro de 2010

O pasado 8 de Febreiro,  EsCULcA apresentou escritos perante a Fiscalia do Tribunal Supremo de Galiza e a Delegación do Governo en que solicita se adopten as dilixéncias que conforme a direito procedan para que se investiguen os graves feitos acontecidos  o 19 de Decembro do pasado ano en Teixeiro, cando un grupo de mais de 100 persoas, que deixaran estacionados os seus veículos nunha esplanada  próxima ao centro penitenciário para realizar unha marcha a pé até o exterior do mesmo, constataron ao regresar que a maior parte deles sofrera danos que os impedian de circular.
E todo isto en presenza das várias dotacións da Guarda Civil que asistiron à chegada, marcha e regreso do grupo. Dotacións que, no momento en que as persoas vítimas do acto vandálico lles mostraron a sua indignación por non teren sido capaces de garantir a integridade dos bens particulares, reaccionaron preparando material anti-distúrbios nun xesto que talvez deva entender-se como unha ameaza.
Por esta razón,  EsCULcA requer que se investigue asi mesmo a actuación da Guarda Civil nestes feitos que merecen para o noso observatório a calificación de extremamente graves, non só por teren ocasionado prexuízos sérios a bens particulares senon tamén, mui especialmente, por tratar-se dunha actuación que pretende impedir e represaliar o direito de reunión. E por non constar a actuación policial que, na defensa do exercicio dos direitos fundamentais,  seria de esperar conforme dunha unidade policial nun estado de direito.

Ver aqui o escrito dirixido à Fiscalia do T.S. de Galiza.

Ver aqui o escrito dirixido à Delegación do Governo en Galiza.



Categoría: Xeral