Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


DENÚNCIAS DE TORTURA

Apresentación do Relatório sobre a situación CP de Teixeiro

25 de Xuño de 2010

EsCULcA apresentou hoxe aos meios de comunicación o Relatório sobre a situación no Centro Penitenciário de Teixeiro que o pasado 8 de Xuño enviara ao novo Mecanismo Nacional de Prevención contra a Tortura (MNPT) e que posteriormente, o 23 deste mesmo mes,  en tradución para galego entregou aos tres grupos do Parlamento, ao Valedor do Pobo e ao Delegado do Governo na Galiza.

O documento ten por finalidade expor de maneira sintética os feitos que foron obxeto de denúncia por internos do CP de Teixeiro, alegadamente cometidos por funcionários do centro, e que pola sua natureza poderian ser calificados como delitos de tortura, contra a integridade moral, rigor desnecesário e lesións. Todas estas denúncias están respaldadas por parte de lesións emitidos por facultativos.

Os feitos obxeto do relatório produciron-se entre os anos 2006 e 2008, ainda que tamén se consigna un episódio mais recente (ano 2010) e diversos antecedentes do ano 1999.

Con o envio deste documento EsCULcA pretende dar a coñecer o exercício desta prática ilegal e cruel en centros de detención do noso país e instar o MNPT a actuar conforme aos compromisos adquiridos polo Reino de España ao asinar e ratificar o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura da ONU.

No decurso da conferéncia de prensa, Fernando Blanco Arce, responsável da Comisión Penitenciária de EsCULcA, relatou as numerosas xestións realizadas polo Observatório ao longo dos últimos anos para conseguir a formación en Galiza de un Mecanismo galego que reúna as características contempladas no Protocolo Facultativo. Xestións infrutuosas apesar de o Parlamento Galego ter aprovado en Marzo de 2007 unha Proposición non de Lei en que se insta o governo galego a realizar “coa debida interlocución coas asociacións singularmente representativas dos intereses afectados, as actuacions conducentes á posta en marcha en Galiza dun mecanismo de prevención nos termos e coas funcións e competencias establecidas  no Protocolo Facultativo”.

Na sua intervención, Fernando Blanco Arce descreveu os numerosos empecillos con que os poderes públicos impeden a sociedade civil coñecer o que acontece nos lugares de detención, facendo fincapé na proposta que no seu dia realizou EsCULcA para poder aceder ao interior dos Centros de Menores mediante a formación de un comité formado por representantes de diferentes colectivos civis sen custo algun para a administración. Igualmente salientou o grave incumprimento da Lei de Coesión do Sistema Nacional de Saúde que, na sua Disposición Sexta (2003) estabelece a obrigación de transferir ao sistema xeral a atención primária intra-penitenciária, o que facilitaria a detección de práticas de maus tratos e torturas no interior dos cárceres. Obrigación legal que as sucesivas administracións galegas levan anos ignorando.

O Relatório pode ser consultado aqui.

As Propostas de Política Penitenciária de EsCULcA aqui.



Categoría: Xeral