BUSH TERIA AUTORIZADO O USO DA TORTURA
23 de Decembro de 2004
A American Civil Liberties Union (ACLU) fixo público un comunicado o pasado dia 20 de Decembro en que afirma que alguns documentos que obran no seu poder revelan que segundo o FBI os métodos de interrogatório utilizados polo Departamento de Defensa dos EE.UU. no Iraque deven ser calificados como tortura. Abusos que –segundo demonstra a ACLU- terian sido autorizados por unha Orde Executiva de Bush.Por outra parte, nun relatório de Xuño deste ano (Urgent Report), o próprio FBI mostra a sua preocupación pola política de encobrimento destes feitos e expresa o seu temor perante os indícos que apontan a unha tentativa do Departamento de Defensa de facer recair a responsabilidade dos abusos sobre o organismo federal.
“Estes documentos levantan cuestións mui graves a propósito da responsabilidade última da xeneralización dos abusos aos prisioneiros”, afirma Anthony D.Romero, Director Executivo da ACLU. “Os altos funcionários do governo non poden continuar ocultando-se atrás de alguns soldados de baixo rango.”
OS DOCUMENTOS
A mensaxe electrónica que fai referéncia à Orde Executiva de Bush é de Maio de 2004. Foi enviada de “On Scene Commander-Baghdad” a vários altos funcionários do FBI e nela estabelece-se que Bush autorizou directamente técnicas de interrogatório que incluen privación de sono, posturas violentas, uso de cans, privación sensorial, etc.
A ACLU emprendeu imediatamente accións para urxir a Casa Branca a confirmar ou negar a existéncia desta orde e, caso de ela existir, facé-la pública sen demora.
Noutra mensaxe electrónica, esta de Decembro de 2003, decreve-se a tortura de un prisioneiro en Guantánamo por funcionários do Departamento de Defensa que simulavan ser axentes do FBI. O texto conclui: “Se algunha vez este prisioneiro é posto en liberdade ou a sua história chega a ser coñecida publicamente, ninguén acusará os funcionários do Departamento de Defensa porque en teoria a tortura foi aplicada por funcionários do FBI. Será o FBI quen carregará con o morto diante da opinión pública.”
No documento afirma-se que a Unidade de Investigación Criminal do FBI cre que a actuación do Departamento de Defensa anula calquer posibilidade de imputar o detido e explicita que o obxectivo de deixar constáncia do incidente é “protexer o FBI”.
Canto ao documento de Xuño de 2004, escrito nunha prosa vagarosa, os seus fragmentos lexíveis remeten para o relato enviado ao Departamento de Sacramento do FBI por un axente que “observou numerosos abusos físicos a prisioneiros civis” tais como “esganamento, golpes, queimaduras con cigarros nos ouvidos.” O propósito do relatório –afirma-se no documento- é dar a coñecer ao FBI un feito que o autor sabe se pretende encobrir.
Estes documentos puderon coñecer-se grazas a unha resolución do Tribunal Federal que resolveu favoravelmente o requerimento de várias asociacións de defensa dos direitos e liberdades públicas que hai agora un ano solicitaron a sua desclasificación ao amparo da Lei de Liberdade de Información: American Civil Liberties Union, Center for Constitutional Rights, Physicians for Human Rights, Veterans for Common Sense e Veterans for Peace.
OUTROS DOCUMENTOS DADOS A COÑECER POLA ACLU:
• Unha mensaxe electrónica relativa a vários interrogatórios feitos por funcionários do Departamento de Defensa simulando ser axentes do FBI. O texto refere a “fraude” e aponta que “todas as técnicas utilizadas nestes escenários” contavan con a aprovación do Secretário de Defensa. (21 de Xaneiro de 2004).
• O relatório de outro axente do FBI sobre interrogatórios en Guantánamo. Neste relatório afirma-se que os prisioneiros permanecen alxemados de pés e maos no chao en posición fetal durante períodos prolongados (entre 18 e 24 horas). Muitos deles “orinan e defecan” ali mesmo. O axente afirma ter visto nunha ocasión como se encerrava un prisioneiro nun cuarto sen ventilación nen ar condicionado a unha temperatura “provavelmente superior aos cen graus centígrados”. O axente anota: “O prisioneiro xacia inconsciente no chao, con un montón de cabelos ao lado. Posivelmente arrancados por el mesmo durante a noite” (2 de Agosto de 2004).
• Unha mensaxe electrónica en que se afirma que –en Guantánamo- un advogado do exército “pasou a noite traballando na redacción de unha xustificación legal para o tipo de interrogatórios que (os militares) querian facer” (9 de Decembro 2002).
• Unha mensaxe electrónica dando conta do início de unha investigación do FBI por suposta violación de un menor na prisión de Abu Ghraib (28 de Xullo de 2004).
• O relatório de un axente do FBI a propósito de un interrogatório en Guantánamo –segundo todos os indícios conducido por funcionários do Departamento de Defensa- durante o cal o prisioneiro foi envolto nunha bandeira israelense e aturdido con música e luces (30 de Xullo de 2004).
As asociacións civis están decididas a obrigar a CIA a facer públicos os documentos relacionados con abusos a prisioneiros. Ainda que a ACLU conseguiu xa mais de 9.000 documentos de outros organismos governamentais, a CIA recusa-se a confirmar ou negar a existéncia de muitos dos documentos que foron solicitados polas asociacións civis. A CIA foi denunciada por participación en abusos a prisioneiros en Iraque e noutras instalacións de detención secreta que os USA teñen en numerosos países.
Categoría: Xeral |
