Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


Liberdade de expresión

Blasfémia e relixión

10 de Novembro de 2008

A Resolución aprovada o 30 de Marzo de 2007 polo Consello de Direitos Humanos da ONU a proposta da Organización da Conferéncia Islámica (OCI) , que visava o estabelecimento de limites à liberdade de expresión ‘para garantir o respeito às relixións e conviccións’, foi contestada de imediato polas organizacións de defensa da liberdade de expresión con unha campaña que culminou o pasado mes de Setembro con a comparecéncia de delegacións da IFEX, o CIHRS e Article19 na 9ª Sesión do Consello celebrada os dias 8-26.

As organizacións puxeron de manifesto a sua profunda preocupación pola aprovación de normas como estas, que proporcionan aos governos, nomeadamente os da rexión árabe, instrumentos mui eficaces para restrinxir ainda mais a xa limitada liberdade de expresión, ilustrando as suas afirmacións con exemplos de censura ben elocuentes: o caso do escritor Nagiub Mahfouz, acusado de ateísmo e apostasia polo seu libro Os fillos do noso bairro; a persecución do escritor Nasr Hamid Abu Zaid, que na sua obra oferece unha reinterpretación do Corán; as reaccións contra o poema de Mahmoud Darwish (‘Oh, pai, son xudeu’), cantado por Marcel Khalife, imputado por utilizar impropriamente versos do Corán; ou o caso do blogger Karin Amer, acusado de incitación contra o Islam polas opinións politicas e relixiosas expresadas no seu blogue.

Githu Muigai, Relator Especial da ONU para as Formas Contemporáneas de Racismo, Discriminación Racial, Xenofobia e Intoleráncia mostrou a sua oposición a promover a difamación da relixión como un novo conceito xurídico por, no seu parecer, seren suficientes as normas que xa existen contra o ódio relixioso ou racial. Ao que parece, a OCI voltará a abrir o debate na Conferéncia de Seguimento do Racismo que terá lugar o próximo mes de Abril en Xenebra.



Categoría: Xeral