Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


CARTA A PÉREZ TOURIÑO

20 de Xullo de 2006
Onte, 19 de Xullo, EsCULcA entregou ao Sr. Pérez Touriño, un escrito en que critica a sua participación institucional na Oferenda a Santiago Apóstolo e insta o Presidente da Xunta de Galicia a exercer "as suas potestades institucionais e posibilidades políticas para que doravante nengun membro do Governo da Xunta de Galicia participe en actos ou manifestacións relixiosas en representación daquela ou do Estado".

Compostela, 19 de Xullo de 2006

Sr. Presidente da Xunta de Galicia

D. Emilio Pérez Touriño

Respeitado Sr. Presidente

Esculca é un Observatório de ámbito galego que traballa na defensa dos direitos e liberdades públicas garantidos na Constituición e nos Tratados Internacionais. Teña a ben pois, receber a nosa opinión sobre algo que atinxe, estatutariamente, o núcleo dos nosos obxectivos e traballos.

Referimo-nos ao feito de apresentar V., o dia 25 de Xullo, a Oferenda ao Apóstolo Santiago, como Presidente, ben que sexa por delegación do Xefe do Estado. Leva-se a efeito nun templo relixioso católico, no meio dun acto litúrxico desa relixión. Referimo-nos a este feito, lonxe de facer avaliación algunha do contido das suas palabras no acto, que ademais descoñecemos.

Como ben sabe V., o Estado español é aconfesional: “Nengunha confisión terá carácter estatal”. A aconfesionalidade implica “un princípio de neutralidade dos poderes públicos en matéria relixiosa”, princípio que veda “calquer tipo de confusión entre funcións relixiosas e estatais”. Deste ponto de vista, a neutralidade do Estado obriga-o a proibir-se a si próprio calquer concorréncia, xunto dos cidadáns, en calidade de suxeito de actos ou actividades de signo relixioso. Asi consta na Constituición e asi o declara o Tribunal Constitucional, garante final dos direitos e liberdades públicas; entre eles o do direito a liberdade relixiosa e da aconfesionalidade do Estado.

Pois ben, V. foi elexido e nomeado para exercer as funcións que lle atribuen as Leis. Igual dicemos dos outros lexítimos representantes ou titulares dos poderes públicos, mesmo do Xefe do Estado. Non cabe a menor dúvida que todas as potestades e funcións que ten atribuídas pola Constituición, o Estatuto de Autonomia e as Leis son exclusiva e estritamente de carácter civil. Como tamén é certo que son os cidadáns, como tais, e non como crentes/non crentes, os que exercen a sua soberania votando para a xestión de governo.

Non hai dúvida tampouco de que facer a Oferenda nun templo relixioso non entra nas obrigas derivadas de garantir a liberdade relixiosa, nen de cooperación coa Igrexa católica e outras confisións.

En consecuéncia, achegamos-lle o que segue.

En primeiro lugar, a nosa séria e rigorosa crítica ao comportamento institucional da Presidéncia na Oferenda. Non duvide de que, en troca, non teríamos en conta nunca, nen moito menos criticaríamos, o seu comportamento participando en calquer acto ou manifestación relixiosa a titulo persoal; ou non o facendo.

En segundo lugar, de admitir a seriedade, corrección e trascendéncia desta crítica, esperamos exerza as suas potestades institucionais e posibilidades políticas para que doravante nengun membro do Governo da Xunta de Galicia participe en actos ou manifestacións relixiosas en representación daquela ou do Estado.

Atentamente.

Por ESCULCA, o seu Presidente.

Fernando Martínez Randulfe

Categoría: Xeral