Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


DECISIÓN CONTRADITÓRIA

21 de Marzo de 2008
Nas dilixéncias prévias 432/2007 que se tramitan a instáncia de EsCULcA polos feitos acontecidos no mes de Xullo de 2006 no Centro Penitenciário de Teixeiro, calificado en numerosos meios como “o motin de Teixeiro”, a titular do Xulgado de Instrucción núm. 1 de Betanzos ditou auto o pasado 3 de Marzo calificando as actuacións atribuídas aos funcionários implicados como “falta de lesións” (infracción penal leve). Lembremos que a raiz dos incidentes vários presos apresentaron denúncia por tortura.

Incoerentemente, a xuíza, despois dunha investigación sumária e en base a informes médicos, estima que hai indícios da comisión de várias faltas de lesión imputáveis aos funcionários do cárcere que participaron nos feitos mais decide non levar adiante o procedimento penal polos delitos imputados na querela de EsCULcA (delitos de tortura, contra a integridade moral e por rigor desnecesário).

Decisión decerto contraditória pois se na sua breve investigación a xuíza achou indícios de vários presos teren sofrido lesións non pode calificar os feitos como infracción leve de lesións (falta) senón que, loxicamente, deverá calificar eses feitos como delito de tortura ou contra a integridade moral, por ser esta a calificación que o Código Penal reserva às agresións cometidas por funcionários carcerários no exercício dos seus cargos contra persoas que están baixo a sua custódia. Se hai indícios de lesións hai indícios de delito de tortura.

EsCULca xa formulou recurso de reforma e subsidiário de apelación contra esta incoerente resolución.

Categoría: Xeral