Galiza
Denúncia contra Fran del Buey
10 de Novembro de 2008
O pasado 27 de Outubro celebrou-se a vista oral contra Fran del Buey, Presidente de PreSOS-Galiza, imputado por un delito de denúncia falsa e outro de falso testemuño a raiz da denúncia apresentada contra el por axentes da polícia municipal de Compostela.
Como informamos no seu dia, a denúncia tivo a sua orixe nos feitos acontecidos na Rua de San Pedro desa cidade a noite do 30 de Decembro de 2004, cando unha discusión entre o condutor dun veículo e un viandante deu lugar a unha actuación policial que Fran del Buey e outras persoas ali presentes consideraron inxustificadamente violenta.
Ao responderen os axentes con ameazas às palabras do Presidente de PreSOS-Galiza que os instava a deteren a agresión, o Sr. del Buey decidiu apresentar queixa no Xulgado de Instrución de Compostela. Despois de un xuízo que a Comisión de Denúncia de Galiza calificou de irregular, os axentes resultaron absolvidos e entenderon que era à sua vez de denunciar Fran del Buey.
A vista oral
Por parte da Fiscalia e a acusación particular, foron chamados a declarar catro axentes e unha testemuña presencial, que ofereceron versións contraditórias sobre o desenvolvimento dos feitos. O xuiz viu-e obrigado a chamar à orde un dos axentes pola atitude sobranceira que adoptava perante as perguntas do advogado defensor. Quen non pudo declarar foi o cidadán agredido aquel 30 de Decembro, Francisco J. Rey González, que non pudo chegar a tempo a audiéncia por un problema de tráfico.
Tampouco puderon prestar declaración os membros de diferentes colectivos cívicos convocados pola defensa (EsCULcA, Nais en Loita, PreSOS-Galiza, Comisión de Denúncia, Coléxio de Advogados de Ourense, etc.). Neste caso, por o xuiz ter decidido non aceitar outros testemuños que non fosen os das persoas presentes no momento de aconteceren os feitos.
Categoría: Xeral |
