Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


EN CIFRAS

25 de Agosto de 2006
Con o fin de recoller e examinar as denúncias de abusos padecidos polas persoas prisioneiras nos cárceres de Guantánamo, Afeganistán e o Iraque, asi como avaliar as medidas tomadas polo governo Bush (se as houver) para castigar os torturadores e evitar a repetición destas práticas, Human Rights Watch, Human Rights First e o Center for Human Rights and Global Justice of NYU School of Law, promoveron conxuntamente o proxecto de investigación (DAA Project) cuxas conclusións preliminares apresentan agora sob o título: By the numbers. Findings of the Detainee Abuse and Accountability Project.

Estas conclusións basean-se nos dados recollidos polos investigadores até o 10 de Abril de 2006 e van acompañadas da descrición dun elevado número de casos individuais e testemuños directos.
Neste documento non se aborda o estudo da tortura praticada nos centros secretos de detención que os EUA manteñen noutras partes do mundo nen as padecidas polas persoas entregadas ilegalmente a outros países.

CONCLUSIÓNS PRELIMINARES

• Nestas prisións o abuso é unha prática mui estendida. O Proxecto DAA documentou uns 330 casos en que persoal militar e civil estado-unidense teria torturado ou asasinado persoas detidas.

• Nestes casos están implicados mais de 600 persoas (militares e civis) e afectan a uns 460 prisioneiros. Trata-se de un cálculo conservador e mui provavelmente inferior ao número real de casos de abuso e asasinato.

• Un mínimo de 570 destas persoas pertencen ao exército (o 95%) e outras 10 à CIA ou outros servizos de intelixéncia. As 20 restantes son civis contratados para prestar servizos ao exército ou à CIA.

• Apenas 54 militares –unha fracción ridícula das mais de 600 persoas implicadas en casos de abuso a persoas detidas- foron condenados por tribunais militares e destes só 40 foron condenados a penas de prisión.

• A maioria dos 330 casos de tortura comprovados tiveron lugar no Iraque (como mínimo 220 casos). En Afeganistán rexistaron-se uns 60 e Guantánamo outros 50 casos aproximadamente.

• As provas mostran que as instituicións civis e militares non investigaron adecuadamente as numerosas denúncias recebidas por tortura e maus tratos. Dos centos de denúncias recollidas pola equipa do Proxecto DAA, apenas a metade parece ter sido devidamente investigada. En numerosos casos, os investigadores militares parecen ter concluído prematuramente as investigacións ou teren demorado desnecesariamente a sua resolución. Con frecuéncia, o exército nen sequer abriu investigacións, mesmo no caso de as denúncias por tortura seren perfeitamente verosímeis.

• A equipa do Proxecto DAA comprovou que das aproximadamente 400 persoas implicadas en casos investigados polas autoridades civis e militares, apenas un terzo foi obxecto de algunha medida disciplinar ou condena por actos criminais. E mesmo cando as investigacións militares puxeron a descoberto a comisión de abusos, os mandos preferiron aplicar medidas disciplinares leves antes que imputar os infractores.

• Cando, apesar de todo, os tribunais militares ditaron sentenza condenatória, poucas veces esas sentenzas levaron os acusados a cumprir penas de prisión prolongadas. Dos centos de persoas implicadas en abusos, só 10 foron condenadas a penas de mais de un ano de prisión.

• Nengun mando militar foi considerado responsável de actos criminais cometidos polos seus subordinados. A doutrina da responsabilidade do mando estabelece que un superior é responsável dos actos criminais dos seus subordinados se coñecendo, ou devendo coñecer, a comisión de un crime non tomou as medidas necesárias para o evitar e castigar os culpáveis. Apenas tres oficiais foron condenados por un tribunal militar por abuso a prisioneiros. Nos tres casos, a condena foi por abusos en que estes oficiais participaron directamente e non pola sua responsabilidade na sua condición de mandos.

• A CIA investigou numerosos casos de abusos en que estavan implicadas persoas ao seu servizo e supostamente comunicou alguns destes casos ao Ministério de Xustiza para que se procedese à imputación. Mais foron ben poucos os casos seriamente investigados.

• O Ministério de Xustiza parece ter actuado con pouca dilixéncia no caso de unhas 20 denúncias contra civis, alguns deles axentes da CIA, que devia investigar. Asi mesmo mostrou nula capacidade para tomar a iniciativa en investigacións próprias. Non chegou acusar nengun axente da CIA por abuso a prisioneiros e imputou unicamente un contratado civil.

Categoría: Xeral