EN TRES DIMENSIÓNS
08 de Maio de 2006
Son xa 46 as organizacións –entre elas EsCULcA- que asinan un escrito dirixido a Enrique Múgica denunciando a instalación de unha sirga tridimensional na fronteira de Melilla e solicitando a rigorosa investigación dos acontecimentos que tiveron lugar o pasado ano na fronteira con Marrocos.Esta sirga, constituída por unha urdume de cabos de aceiro, dispón de un sistema para deitar água con pimenta aos ollos dos emigrantes que tenten pasar a território español.
Texto do escrito a Enrique Múgica:
As organización abaixo asinantes, diriximo-nos a V. para lle manifestar a nosa preocupación perante a instalación dunha sirga tridimensional no valado de Melilla como consecuéncia dos asaltos desesperados que protagonizaron centos de imigrantes os pasados meses de Setembro e Outubro.
Para alén de termos sérias dúvidas sobre a legalidade da sua instalación, preocupan-nos as consecuéncias que sobre a integridade física das persoas imigrantes pode causar esta sirga ao estar constituída por unha urdume de cabos de aceiro e dispor de un sistema para deitar água con pimenta aos ollos, o que provocará graves irritacións.
Consideramos asi mesmo preocupante que con este sistema de inxección de água podan provocar-se graves problemas de saúde a persoas que, devido às condicións de subsisténcia a que están abocadas por viveren no monte Gurugu, apresentan cadros de pulmonia e afeccións pulmonares sérios que sen dúvida se agravarán con os disparos de água con pimenta que emite a mencionada sirga.
Por outra parte, queremos que se esclareza o estatus de soberania do espazo entre os dous valados, pois –de ser español este emprazamento- incorreria-se en ilegalidade ao expulsar estas persoas, a quen deveria aplicar-se o regulamento que desenvolve a lei de Estranxaria no seu artigo 157, a território marroquino.
Así mesmo consideramos de pésimo gosto, e un xesto de cinismo impróprio dunha autoridade pública, o feito de o Delegado do Governo –Sr. Fernández Chacón- e o responsável da empresa Indra –encarregada da construción da mesma- teren entregado como prenda aos xornalistas presentes na apresentación pública da sirga trozos da antiga concertina de láminas de cortar. Tal comportamento é digno de reprovación e asi rogamos llo faga saber ao Delegado do Governo en Melilla.
Seguen as asinaturas das 46 Organizacións.
Categoría: Xeral |
