PROVOCADA POLAS INSTITUCIÓNS FORAIS E MUNICIPAIS
Emerxencia humanitaria en Gasteiz
17 de Xaneiro de 2012
A Plataforma Alavesa de Apoio a Xoves Estranxeira/os denuncia que en Vitoria-Gasteiz, a marabillosa Green Capital, desde principios de decembro son abandonados na rúa, na máis absoluta indigencia, menores acollidos nos centros dependentes da Deputación Foral de Álava cando, a xuízo desta institución, cumpriron os 18 anos.
Sen comida, nin un lugar onde durmir son trasladados en furgoneta coas súas escasas pertenzas por educadores dos denominados “Centros de Acollida” dependentes de Deputación, aos Servizos de Urxencia do Concello e en moitos casos estes últimos déixanos na rúa abandonados sen darlles unha alternativa residencial ou para poder alimentarse polo menos de forma temporal.
De feito quen denunciamos esta situación que constituímos a Plataforma Alavesa de Apoio a estes mozos, levamos varias semanas aloxándoos provisionalmente nas nosas casas e pondo diñeiro dos nosos petos, todo iso para que non durman na rúa e non estean sen comer.
A Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor, no seu capítulo terceiro establece con claridade e contundencia as medidas e principios reitores para a actuación dos poderes públicos. No seu apartado 2.a., deixa ben claro que é responsabilidade das administracións competentes, neste caso a Deputación Foral de Álava, facilitar mediante un itinerario de inserción a súa integración social. Pola contra, e lonxe de cumprir coas súas obrigacións legais, esta condena a rapaces, que até ese día permaneceron baixo a súa tutela, á indigencia máis absoluta ao seren expulsados dos Centros, o cal supón, un claro abandono das responsabilidades que se lle atribúen por lei de face a garantir os dereitos básicos dos menores unha vez cumprida a maioría de idade.
Consideramos que esta política responde a un único obxectivo: en canto crece a demanda de acollemento de menores, tal e como ocorreu en anteriores ocasións, a administración establece os dispositivos necesarios para reducir drasticamente a poboación necesitada de atención, sen importarlle o respecto aos dereitos humanos básicos destes mozos ou o que as persoas alavesas que traballan como educadoras nos centros en situación de precariedade laboral queden tamén na rúa sen poder facer ou dicir nada.
Hoxe os que quedan na rúa son estes mozos que conseguiron sobrevivir cando viñeron de Africa en patera e as nosas fillas e fillos que estudaron para traballar nos servizos asistenciais. Mañá, a quen nos tocará pasar a noite na rúa e buscarnos a través da caridade algo que comer? A quen propiciou esta situación non preocuparlle as consecuencias da “crise económica” e o caos social que está a xerar. As consecuencias que aquí denunciamos son moi graves xa que vulneran a súa propia legalidade, os acordos internacionais sobre respecto aos dereitos humanos co trato digno, a protección da infancia e mocidade vulnerable e a prohibición dos malos tratos e o abandono.
Por todo iso, queremos facer un chamamento á cidadanía e a todas as institucións competentes: Deputación Foral de Álava, Concello de Vitoria-Gasteiz, Fiscalía de Menores de Álava, Ararteko, Síndico, Partidos políticos e Sindicatos e demais axentes sociais competentes para que con carácter de urxencia tómen medidas para evitar que se produzan situacións de emerxencia humanitaria na nosa cidade como a que aquí denunciamos.
Neste sentido pedimos a vosa adhesión a este comunicado público e achegámosvos un documento explicativo dos antecedentes e información descritiva do que aquí denunciamos.
Podedes enviar a vosa adhesión ao correo electrónico: jovenesapoyomutuo@gmail.com
Mais información aqui: http://www.ikusbide.org/data/documentos/ATT00212.pdf
Categoría: Xeral |
