Sala Iago, C.P. de Teixeiro, Seleccións Galegas (Teo)
EsCULcA presenta os tres últimos relatorios
26 de Xaneiro de 2012
O pasado 24 de xaneiro, na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela, EsCULcA presentou aos medios de comunicación os tres últimos relatorios elaborados polo observatorio. Os documentos recollen información relativa a actuacións policiais en tres momentos de protesta social: o desaloxamento da Sala Iago de Compostela, a concentración en solidariedade coas persoas presas diante do C.P. de Teixeiro e a manifestación en reivindicación das seleccións deportivas galegas celebrada en Teo.
Equipas de observación
EsCULcA pon en marcha desde 2010 as equipas de observación, coa intención de facer un seguimento específico de casos en que poda ser vulnerado o dereito constitucional de reunión e manifestación. Desde ese momento, e até o presente, o traballo das equipas de observación ten ido axustándose, non só mediante a experiencia práctica propia, senón tamén a partir do estudo detido de ferramentas de defensa dos dereitos semellantes, que gozan de certa tradición noutros países, europeos e americanos.
Este período de progresiva consolidación do traballo das equipas de observación de EsCULcA coincide cunha etapa na que, desafortunadamente, se ten normalizado a práctica gobernativa de prohibir manifestacións por meros requisitos formais menores, así como a de sancionar quen participa nestas reunións, cunha nula sensibilidade pola grave limitación do dereito fundamental que tal proceder supón.
A isto súmase o inveterado exceso no emprego da forza policial, que en momentos recentes ten sido posto de manifesto tanto polo informe anual de Human Rights Watch canto polo persecución penal en relación co comportamento policial no desaloxo do 15M de Plaça Catalunya en xuño pasado.
Relatorio desaloxo Sala Yago (23/XI)
O relatorio correspondente á intervención policial de desaloxo da Sala Yago presenta características moi semellantes, mutatis mutandis, ás apreciadas no mencionado caso barcelonés. O traballo de observación, documentación e análise puxo de manifesto irregularidades preocupantes no comportamento policial: a) manifesto exceso no uso da forza, na medida en que tal conduta coercitiva non se sustentou nin na necesidade nin na proporcionalidade, criterios da súa admisibilidade legal; polo demais, este exceso repetiuse en diversos momentos posteriores ao desaloxo, espallándose, con ocasión da manifestación da tarde, por múltiplos lugares da cidade; b) innecesario e desproporcionado uso da forza policial fronte a xornalistas e fotógrafos, afectando ilexítimamente o seu dereito á información; c) falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes; d) tratamento dos cidadáns presentes con falta de respecto, chegando a negarse a atender preguntas en língua galega. Asemade, o traballo de elaboración do relatorio puxo de manifesto irregularidades na asistencia prestada a unha persoa ferida pola actuación policial, cando o médico correspondente denegou a asistencia en condicións, alén de non observar o dereito á intimidade da paciente.
Como consecuencia deste traballo, Esculca vai solicitar á Delegación do goberno que abra unha investigación para depurar as responsabilidades dos axentes intervintes. Alén diso, Esculca vai presentar unha denuncia na inspección médica, e no propio colexio de médicos, para depurar as posibles responsabilidades do facultativo que denegou a asistencia á manifestante ferida.
Relatorio concentración C.P.Teixeiro (18/XII)
A concentración celebrada o 18/12/2011 diante do C.P, de Teixeiro (Paradela), en solidariedade coas persoas presas e en protesta polas condicións do cárcere, careceu dos incidentes de emprego da forza policial que se manifestaron no suposto anterior. Non obstante, o traballo de observación e análise desenvolvido polas equipas de Esculca puxo de manifesto irregularidades non menores: a) falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes; b) exceso manifesto no dispositivo policial despregado, cun cuestionábel emprego de recursos públicos escasos; c) actuación irregular dun individuo identificado polo seu uniforme como funcionario de II.PP. que, sen que o dispositivo policial ali presente o impedise, realizou funcións de control e captou imaxes de manifestantes desde o exterior do edificio do Centro Penitenciario.
Nas conclusións do relatorio, EsCULcA demanda que sexan tomadas as medidas que correspondan contra este funcionario de II.PP. cuxa actuación non pode ter amparo na LEI ORGÁNICA 4/1997 DE 4 DE AGOSTO, que limita o rexime de autorizacion de captación de imaxes ás forzas e corpos de seguridade do estado (art.5).
Por outra parte, e toda vez que varios axentes da Garda Civil captaron imaxes con video-cámaras móbiles no decurso da concentración, EsCULcA solicitou da Delegación do Goberno copia da autorización para realizar esta tarefa. A Delegación contestou afirmando que existia autorización mais sen entregar a copia solicitada.
Relatorio manifestación Siareir@s Galeg@s (23/XII)
Tampouco na manifestación que Siareir@s Galeg@s realizou no concello de Teo o 23/XII se produciron incidentes de emprego da forza policial como os asinalados no relatorio do desaloxo da Sala Yago. No entanto, tamén neste caso, o traballo de observación e análise desenvolvido polas equipas de Esculca puxo de manifesto irregularidades non menores: xunto con a habitual falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes e o non menos freqcuente exceso manifesto no dispositivo policial despregado, cun cuestionábel emprego de recursos públicos escasos; neste caso aparecen indicios de que integrantes das FCSE visitaron en datas anteriores á manifestación a cargos públicos do concello de Teo, intimándolles para que cancelasen os permisos concedidos para o desenvolvemento das actividades.
Como consecuencia deste traballo de observación e análise, Esculca vai trasladar ao Delegado do Goberno a necesidade de investigar, en particular, a posíbel realización de intimidacións por parte de membros das FCSE a cargos públicos do concello de Teo.
Conclusións
A avaliación global destes tres relatorios pon de relevo a necesidade de que por parte dos cargos políticos responsables se faga unha valoración sobre a idoneidade de que comportamentos policiais que son claramente unha excepción nos países do noso entorno (excesos no uso da forza, falta de respecto no tratamentos dos manifestantes, incumprimentos na normativa sobre identificación, prohibición do exercicio de dereitos fundamentais por razóns meramente formais, etc.) se estean convertindo na regra no caso galego e español.
O fundamento implícito da normalización desta forma de proceder é que o que está en xogo no desenvolvemento de reunións e manifestación é a protección da orde pública e o control de comportamentos potencialmente subversivos. Este punto de vista, alén de liberticida, é claramente distorsionado, toda vez que do que realmente se trata é do desfrute do dereito constitucional de reunión e manifestación, compoñente fundamental da participación pública, necesario para unha democracia san.
Esculca considera que é responsabilidade da Delegación do Goberno, das anteriores e da presenta, facer esta reflexión. Nese sentido, Esculca está plenamente aberta a contribuír a esa reflexión, abrindo as dinámicas de interlocución que, en tanto que organización de defensa dos dereitos e liberdades, poda poñer en marcha, tamén coa Delegación do Goberno. Non obstante, Esculca non vai agardar a que tal reflexión se produza, senón que, en tanto que expresión da sociedade civil organizada, vai seguir facendo contribucións á garantía deses dereitos fundamentais e, deste xeito, ao lícito desenvolvemento da vida política colectiva.
Compostela, 24/01/2012
Ver aqui:
Relatorio Sala Iago Compostela
Anexos Relatorio Sala Iago Compostela
Relatorio concentración C.P. Teixeiro
Relatorio manifestacións Siareir@s Galeg@s
Categoría: Xeral |
