XUÍZO POLO CHAMADO MOTIN DE TEIXEIRO
EsCULcA recusa a xuíza de Betanzos
15 de Marzo de 2010
EsCULcA mantén a sua presenza activa na investigación xudicial dos feitos acontecidos a noite do 16 de Xullo de 2006 no Centro Penitenciário de Teixeiro, no decurso dos incidentes que os meios de comunicación deron en chamar “Motin de Teixeiro”. Como é coñecido, estes feitos determinaron a denúncia de vários presos do módulo de isolamento que afirman ter sido agredidos por funcionários do C.P. asi como unha querela apresentada polo noso Observatório en 2007.
Despois dunha anómala tramitación xudicial, os feitos denunciados determinaron a citación para xuízo de faltas 257/2009, cuxa celebración estava prevista o 19 de Xaneiro no Xulgado de Instrución núm. 1 de Betanzos. A vista foi posteriormente suspendida sen alegación de causa. Ainda que EsCULcA entende que a calificación dos feitos como falta non é axustada a Direito, o certo é que unha vez asinalado o xuízo a lei impón a sua celebración sen outras dilixéncias que librar as citacións precisas a testemuñas e prexudicados para asistir a xuízo.
Mais, surpresivamente, o xulgado decidiu suspender o xuízo e ao mesmo tempo requerer a EsCULcA que determine cal é o grau de participación de cada un dos funcionários denunciados. Grau de participación que nestas alturas estaria perfeitamente acreditado se o xulgado tivese praticado as dilixéncias que o noso observatório interesou no seu dia e o próprio xulgado denegou inmotivadamente.
Foi precisamente esta situación a que levou EsCULcA a formular recusación da titular do Xulgado de Instrución núm. 1 de Betanzos, dona Nuria Fachal, dado que foi ela a instrutora das dilixéncias. O sistema procesual español veda que a xuíza encarregada da instrución poda ditar sentenza, mesmo cando se trata dun xuízo de faltas, sob pena de infrinxir o princípio acusatório.
A recusación está agora pendente de trámites formais para a sua resolución e EsCULcA espera que proceda a celebrar a vista do xuízo e ditar sentenza un titular xudicial non contaminado obxectivamente pola tramitación do asunto.
Categoría: Xeral |
