Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


SOBRE OS OBSCUROS FEITOS DE TEIXEIRO

EsCULcA solicita investigación

15 de Marzo de 2010

O pasado 8 de Febreiro, EsCULcA apresentou escritos perante a Fiscalia do Tribunal Superior de Galiza e a Delegación do Governo en que solicita se adopten as dilixéncias que conforme a direito procedan para que se investiguen os graves feitos acontecidos o 19 de Decembro do pasado ano en Teixeiro, cando mais de 100 persoas constataron que os veículos que deixaran estacionados nunha esplanada próxima ao centro penitenciário para realizar unha marcha a pé até o exterior do mesmo sofreran danos que os impedian de circular.


Segundo todos os indícios, os danos foron causados durante o tempo que os manifestantes estiveron ausentes da esplanada, mui provavelmente en presenza das várias dotacións da Guarda Civil que asistiron à chegada, marcha e regreso do grupo sen que os axentes tomasen medida algunha para evitar o acto vandálico ou perseguir o delito.

Ben ao contrário, no momento en que as persoas vítimas da acción delitiva mostraron a sua indignación por os axentes non teren garantido a integridade dos seus bens, estes reaccionaron preparando material anti-distúrbios nun xesto que talvez deva ser entendido como unha ameaza non precisamente velada.

"Segundo os dados que manexa EsCULcA , constan dous vehiculos que non foron obxecto destes danos. É moi importante destacar que ningún deses dous vehiculos fora retido no control previo da Garda Civil, nen o automóvil ou os seus ocupantes foran identificados," salienta-se no escritos enviados à Fiscalia e à Delegación do Governo para chamar a atención sobre un pormenor en extremo significativo: que só os veículos danados foran identificados previamente pola Guarda Civil.

"Estes feitos son constitutivos dun delito continuado de danos dolosos do artigo 263 do Código Penal, asi como de un delito de coaccións para impedir o exercicio dun dereito fundamental do art.172 del Codigo Penal. A actuación da Garda Civil infrinxiu o artigo 11 da Lei 2/1986 de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Non garantiu a integridade
dos bens de cidadáns que exercian un dereito constitucional. Non ofreceu protección algunha aos prexudicados polo delito nen consta que realizase investigación algunha destes feitos, dunha extraordinaria gravidade por supor unha actuación delitiva encamiñada a impedir o exercicio dun dereito", conclui-se no escrito.

Consecuentemente, EsCULcA requer à Fiscalia "que incoe expediente e adopte as dilixencias que conforme a Dereito procedan para a investigación destes feitos e para a investigación da actuación da Garda Civil actuante" e reclama da Delegación do Governo "que inste as forzas da orde a investigación destes feitos (...), dé translado a este Observatório das actuacións, atestados ou informes que existan, se existiren, da forza actuante (...) e se incoen dilixencias preliminares de expediente verbo da actuación da Garda civil actuante".



Categoría: Xeral