Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


IMIGRACIÓN E DIREITOS HUMANOS

12 de Outubro de 2005
Sete importantes asociacións europeas que traballan no ámbito da defensa dos direitos humanos, suscreveron onte un contundente manifesto conxunto urxindo às autoridades do EE, da UE e de Marrocos a pór termo de imediato à violéncia que exercen contra as persoas que chegan à fronteira fuxindo da fame e os conflitos políticos de África. Lembran estas asociacións que os direitos recoñecidos pola lexislación internacional son indivisíveis e de aplicación universal.

Apelo europeu pola dignidade
A Europa-fortaleza: via directa contra o muro da vergoña


Cada dia, imigrantes chegados de África morren nas fronteiras de Europa por teren tido a ousadia de crer que ali poderian viver en paz e dignidade.

En Ceuta, en Melilla, a situación chegou a un limite intolerável: entre a Unión Europea e África ergue-se un muro de arame, e aqueles que o custodian non duvidan en disparar, mesmo matar, para impediren que sexa atravesado.

En Marrocos organizou-se unha verdadeira caza às bruxas. Nenos, mulleres, homes, sedentos e esfomeados, son cercados e abandonados en pleno deserto.

Non resulta intolerável que a Unión Europea renegue asi da sua obrigación moral de, cando menos, ouvir a petición daqueles que veñen en procura de asilo? Como é posível un tratamento tal? Como, con o pretexto de regular os fluxos migratórios, a política da Unión Europea pode conducir o Estado Español a fechar as suas fronteiras, levantando un muro como se estivese asediada por un inimigo perigoso? Como a Unión Europea se atreve a descarregar as suas responsabilidades en “Estados-rolla”, como neste caso Marrocos, ao que consente, sen se imutar, enviar os imigrantes a unha morte certa? Por tentaren penetrar no território da Unión Europea recorreron a pé centos de quilómetros, arriscando o seu único ben, a própria vida. Como vai ser aceitável que aqueles que foxen da pobreza, a guerra e os conflitos políticos non encontren outra resposta que a represión, cando non a morte, ao tentaren, nun último salto colectivo, atravesar o muro de arame que se ergue entre eles e a liberdade?

Esta situación, tan absurda como desumana, que dá tal imaxe da Europa e que diariamente nos mostrans as televisións, deve cesar de imediato. Nós, persoas europeas, recusamo-nos a ermos de nos sentir envergoñadas da Unión Europea.

Esiximos solenemente:

. Ao Governo Español, aos Governos dos Estados membros da Unión e à Comisión Europea.

Que acaben con estas violacións masivas e reiteradas dos Direitos Humanos, consecuéncia dunha política de imigración de encerramento e de externalización que non leva mais que a un ponto morto e à violéncia.

. Ao Governo marroquino:

Que poña termo às prática asasinas con aqueles que transitan polo seu território con o único propósito de achar en Europa unha solución à sua miséria.

À Unión Europea:

Que adopte e aplique, sen demora, unha verdadeira politica de asilo e imigración, respeitosa con os direitos, a integridade física e a dignidade das persoas.

Tamén os imigrantes teñen direito a ser tratados no respeito das Convencións Internacionais: os Direitos Humanos son indivisíveis e aplican-se a todas as persoas.

Asociación Europea de Direitos Humanos
Federación Internacional de Direitos Humanos
Liga Direitos Humanos Franza
Liga Direitos Humanos Belga (francófona)
Asociación Pro Direitos Humanos de Andalucía

Categoría: Xeral