PARTICIPANTES EN CONCENTRACIÓN PACÍFICA
Identificación universal
19 de Novembro de 2009
"A Confederación Intersindical Galega (CIG) mostrou onte o seu malestar despois de que a protesta dos traballadores das Oficinas de Igualdade e Benestar (I+B) para rexeitar o despedimento de 61 empregados deste servizo rematase coa identificación de todos os manifestantes por parte de efectivos da Policía.
Segundo informou o sindicato, “malia ao carácter pacífico” da concentración, desenvolvida no exterior do complexo administrativo de San Caetano e, a continuación, no seu interior, nas dependencias da Consellería de Traballo e Benestar, a responsable do departamento, Beatriz Mato, “ordenou á Policía que identificase todos os participantes, unha vez finalizada” a acción de protesta.
Con esta concentración, celebrada mentres no propio edificio se reunía o Consello Directivo do Consorcio de Servizos Sociais –entidade pública da que dependen as oficinas–, os traballadores mostraban o seu malestar non só polos despedimentos, senón tamén polo “desmantelamento” que, ao seu xuízo, promove a Xunta no conxunto dos servizos para menores, mozos e anciáns postos en marcha pola antiga Vicepresidencia da Xunta.
Así e todo, non é a primeira vez que a responsable de Traballo e Benestar favorece a intervención policial nas protestas do persoal de I+B xa que, o pasado martes, un peche destes traballadores na sede do Consorcio rematou tamén coa presenza das forzas de seguridade.", informa xornal.com
Categoría: Xeral |
