MENORES PERIGOSOS OU MENORES EN PERIGO?
24 de Abril de 2006
O mércores dia 21 de Abril, organizada por EsCULcA para propiciar a reflexión e o debate sobre a filosofia e aplicación da Lei e o Regulamento do Menor, tivo lugar no Café Cultural AURIENSE unha mesa redonda -“Menores Perigosos ou Menores en Perigo?- en que participaron defensores da dimensión pedagóxica desta normativa e colectivos que a ven como alicerce dunha politica de xestion represiva e penal da mocidade das clases mais empobrecidas.
Na mesa estava prevista a presenza de Fran del Buey (Comisión de Denúncia da Galiza), Pepe Bouzo (traballador-educador do Centro de Menores de Montealegre, centro de xestión pública e rexime semi-aberto), Duarte (Asociación TRAMA, xestora por convénio de medidas de rexime aberto) e unha traballadora de ARELA (asociación que xestiona centros de menores no ámbito de Protección) que finalmente non pudo asistir.
Si foi posível no entanto contar con a participación, non prevista inicialmente, de Enrique de Castro, membro da Coordinadora de Barrios de Madrid e persoa que leva desde comezos dos oitenta dedicada à defensa de menores e xovens en Entrevias, Pozo del Tio Raimundo e Vallecas.
Comezou Fran del Buey facendo unha análise crítica da Lei e do Regulamento do Menor en que salientou o seu paralelismo con a normativa penitenciária de adultos e destacou a autorización regulada de utilización de meios de contención (porras, por exemplo) ou o submetimento dos menores a suxeición mecánica ou reximes de isolamento.
Duarte puxo de relevo as medidas no privativas de liberdade contempladas na lei e valorou positivamente, desde a sua experiéncia profisional, a execución destas medidas en meio aberto.
Pepe Bouzo centrou a sua intervención na precariedade orzamentária dos Centros de Menores e analisou brevemente a situación criada pola asunción da xestión de muitos deles por entidades privadas.
Henrique de Castro mostrou como a filosofia da Lei castiga penalmente a mocidade pobre e lembrou unha chea de violacións de direitos perpetradas contra menores, violacións que levaron mesmo nalguns casos à abertura de dilixéncias penais e a fechar diversos centros.
O acto finalizou con un prolongado e animado debate en que participaron muitas persoas ali presentes que teñen provada experiéncia no traballo en centros e equipas de menores.
Categoría: Xeral |
