EN CENTROS DE DETENCIÓN ISRAELITAS
Maus tratos e abusos a menores
29 de Maio de 2010
"Máis de cen nenos palestinos denunciaron ser obxecto de abusos sexuais, de malos tratos e intimidación mentres permanecían detidos entre xaneiro de 2009 e abril de 2010 baixo a custodia do Exército Israelí e a Policía de Fronteiras, segundo o diario israelí Haaretz. A rama palestina da ONG Defensa Internacional da Infancia (DCI, polas súas siglas en inglés) recolleu máis de cen testemuños detallados de menores, de idades comprendidas entre 12 e 17 anos, que permaneceron durante o ano pasado en centros do Exército israelí. A ONG pediu a Nacións Unidas que investigue estas denuncias.
Dos testemuños recolleitos, uns 69 menores de idade queixáronse de ser losqueados, de recibir patadas e de ser golpeados, ás veces coa culata dun fusil ou cunha porra, por parte dos soldados israelís. O 97 %, incluídos os de entre 12 e 15 anos, tiveron as mans esposadas durante moitas horas e o 92% asegurou que tiñan os ollos vendados durante longos períodos de tempo.
Aproximadamente a metade dos nenos explicou que os soldados ameazábanos antes de interrogalos para que confesasen os cargos que se lles imputaban. Outros nenos foron instandos a que confesasen coa falsa promesa de que serían liberados inmediatamente, segundo a ONG. Amais tentaban arricar baixo torturas confesións que incrimenasen a outras persoas. Aos rapaces tamén se lles dicía que o soldado que batía neles era tamén o interrogador ao que debía confesar. Moitos dos menores aseguran que pasaron moitas horas antes de recibir algo que comer ou beber. DCI asegura que os testemuños apuntan a un padrón fixo nos interrogatorios dos menores e que estas prácticas violan claramente as leis internacionais e os dereitos dos nenos.
Nas declaracións tamén se recolleron denuncias de abusos sexuais, verbais ou físicos. Catro menores de idade denuncairon ter sido agredidos sexualmente e doce aseguraron ser ameazados coa agresión sexual, unha ameaza que ía acompañada de violencia física. A semana pasada, a rama palestina da ONG enviou a responsábeis da ONU catorce denuncias de detidos palestinos de entre 13 e 16 de agresións sexuais durante as súas detencións entre xaneiro de 2009 e abril de 2010. As declaracións enviadas a ONU inclúen testemuños arrepiantes. Un soldado israelí apertou os testículos dun menor mentres lle preguntaba se guindara un cóctel molotov ou pedras contra os militares. Outro uniformado empuxou unha porra e o canon dun fusil entre a cadeira na que estaba sentado o neno e as súas nádegas. E tamén hai un testemuño que acusa a outro militar de ter berrado “heite violar se non confesas que guindaches pedras”.
Aos presos palestinos, incluíndo aos menores, só se lles permite ver os seus avogados durante un curto período de tempo antes do xuízo, e a veces só no propio xulgado. Isto evita que os letrados poidan coñecer detalles sobre o trato recibido durante a custodia militar ou policial. Os menores palestinos, o 60% dos cales están acusados de guindar pedras contra os soldados, son condenados normalmente a unha sentenza de prisión menor ca o tempo que pasaron baixo custodia policial. Por iso moitos confesan, aínda cando negan os feitos, e os seus avogados chegan a acordos coa fiscalía para reducir as súas condenas a prisión
A oficina do portavoz do Exército israelí rexeitou as denuncias e alegou que as “detencións de menores levan a cabo en conformidade co Dereito Internacional”. E engadiu que as denuncias por violencia deben ser expostas no xuízo ou mediante unha denuncia. As autoridades israelís deteñen ao ano a uns 700 menores palestinos de entre 12 e 18 anos. Uns 300 atópanse todos os meses detidos en diversos centros penais de Israel, antes ou logo de ser xulgados.", informa xornal.com.
Categoría: Xeral |
