Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


McDONALD’S, BLAIR E McLIBEL2

04 de Marzo de 2005
“A lexislación e os procedimentos procesuais anti-libelo ingleses son incompatíveis con a Convención Europea de Direitos Humanos”, afirman Helen Steel e Dave Morris (McLibel2), militantes de London Greenpeace (organización non vinculada a Greenpeace Internacional) a quen McDonald’s demandara en 1990 por difamación para os impedir de distribuíren panfletos onde se criticavan algunhas das práticas empresariais da corporación.

Agora, despois de 15 anos de duro enfrentamento, incluído o xuízo mais longo da história británica (313 dias) en que Steel e Morris, por falta de meios, tiveron de se representar a si próprios contra à poderosa multinacional, o Tribunal Europeu de Direitos Humanos dá-lles a razón: a complexidade e dureza da lexislación anti-libelo inglesa (que non garante adecuadamente o direito a criticar as grandes corporacións), a falta de asisténcia letrada e a abisal diferença de recursos entre unha e outra parte violan o direito a un xuízo xusto e o direito à liberdade de expresión recoñecidos na Convención Europea de Direitos Humanos (Arts. 10º e 6º respectivamente).

“O governo terá agora que modificar, e mesmo anular, parte desta lexislación.” –afirman Steel e Morris- “Esperamos que iso contribua a que a sociedade exerza un controlo mais estrito e sexa mais crítica con as práticas nocivas das grandes corporacións.”

Antecedentes

O 19 de Xuño de 1997, decorridos tres anos desde o início do xuízo e sete anos desde a apresentación da denúncia de McDonald’s contra McLibel2 por difusión de un texto supostamente difamatório (What’s Wrong With McDonald’s? Everything they don’t want you to know), o Xuiz Bell ditou sentenza desestimando muitas das alegacións de Steel e Morris, mais recoñecendo aspectos importantes:

a) non se corresponderen con a realidade “os pretensos benefícios nutricionais” que a multinacional atribui aos seus produtos,

b) representar unha forma de “explotación de menores” a estratéxia publicitária da corporación,

c) ter a empresa “responsabilidade culpável en tratamentos cruéis a animais” e

d) contribuíren “os baixos salários que paga McDonald’s a depreciar os salários do sector”.

Acusacións graves que foron reiteradas –e ainda agravadas- en Marzo de 1999 na sentenza que ditou o Tribunal de Apelación (xuíces Pill, May e Keane), tanto no que di respeito à pésima situación -“en termos de salários e condicións de traballo”- en que se encontran os empregados de McDonald’s en todo o mundo, canto no que se refere aos riscos que para a saúde supón unha inxesta continuada dos seus produtos.

Ora, apesar de os dous Tribunais recoñeceren a veracidade das afirmacións de Steel e Morris e apesar de as suas sentenzas representaren “o maior desastre da história da corporación”, en palabras dos comentaristas do maratoniano proceso, os McLibel2 foron condenados a pagar, por difamación, 40.000 libras à poderosa McDonald’s (o que, claro está, nunca fixeron).

Direito a un xuízo xusto

O 20 de Setembro de 2000, Steel e Morris apresentaron recurso perante o Tribunal Europeu de Direitos Humanos por violación do direito a un xuízo xusto argumentando que, por falta de recursos, non puderan defender adecuadamente a sua causa.

Esta falta de recursos non só influiu negativamente –afirman- no desenvolvimento do xuízo, onde tiveron que se representar a si próprios ao lles ser denegada asisténcia letrada de ofício, senón que tamén limitou as suas posibilidades à hora de se dirixiren à administración, faceren fotocópias, tomaren notas, planearen, prepararen e pagaren os custos e despesas de peritos e testemuñas. En tanto que a poderosa McDonald’s tiña meios suficientes para ser representada por unha equipa de advogados expertos en lexislación anti-libelo que estiveron asistidos en todo momento por un ou dous procuradores e outros axudantes.

E é precisamente este, o notório desequilíbrio entre as partes, o argumento en que o Tribunal Europeu fundamenta a sua recente Resolución:

”Nunha acción desta complexidade, nen a esporádica axuda proporcionada por advogados voluntários, nen a importante asisténcia xudicial e a liberdade de expresión que se garante às persoas que asumen a sua própria defensa, poden equivaler à representación permanente e cualificada de un advogado experiente familiarizado con a causa e a lexislación anti-libelo. A duración mesma do proceso é, en certo sentido, prova da falta de habilidade e experiéncia dos requerentes.”

”En conclusión, a denegación de asisténcia legal privou os requerentes da oportunidade de apresentaren eficazmente o seu caso perante o tribunal e contribuiu a unha inaceitável desigualdade de armas en comparación con McDonald’s. Houvo, portanto, violación do Artigo 6.1.”

Direito à liberdade de expresión

Por outra parte, ao amparo do Art. 10º da Convención, Steel e Morris alegaron que o proceso e o seu resultado constituen unha interferéncia desproporcionada no seu direito à libre expresión de ideas.

Neste caso, a cerne da cuestión residia en determinar se esa interferéncia era (ou non) “necesária nunha sociedade democrática”.

Nas suas alegacións, o Governo británico argumentou que o feito de Steel e Morris non seren xornalistas implica que non poden acoller-se ao alto nível de protección que o Art. 10º garante à prensa. “No entanto” -afirma agora o Tribunal Europeu-, “nunha sociedade democrática é necesário que mesmo os grupos pequenos e informais como London Greenpeace podan desenvolver eficazmente as suas actividades.”

”É unha cuestión do máximo interese público garantir que os grupos e indivíduos situados fora da corrente principal podan contribuir ao debate social difundindo información e defendendo pontos de vista sobre asuntos de interese colectivo tais como a saúde e o meio ambiente.”

”A salvaguarda prevista no Art. 10º para os xornalistas en relación con a publicación de asuntos de interese xeral está suxeita à condición de estes actuaren de boa fé en orde a fornecer información precisa e digna de confianza de acordo con o código ético do xornalismo, e o mesmo princípio pode ser aplicado a outras persoas que participan no debate social. Nun panfleto pode tolerar-se, e mesmo há de esperar-se, un certo grau de hipérbole e esaxero. Ora, no caso que aqui se examina, as acusacions son de natureza mui séria e apresentan-se antes como exposición de feitos que como xuízos de valor.”

O Tribunal desestima algunhas dos argumentos de McLibel2 (o peso da prova non deve recair en quen acusa grandes corporacións, estas deven submeter-se à crítica, etc.) e afirma o direito das compañias multinacionais a defenderen a sua reputación, en interese próprio e dos seus empregados, e até da própria economia.

“Non obstante” –matiza o Tribunal-- “se o Estado decide proporcionar esa posibilidade às grandes corporacións, é esencial, en orde a salvaguardar o direito à libre expresión e ao debate aberto, que se tomen medidas para garantir a equidade do proceso e a igualdade perante a lei.”

”O interese mais xeral de promover a libre circulación de información e ideas sobre as actividades de entidades comerciais poderosas, e o posível efeito de “arrepio” que pode ter sobre outras son asi mesmo factores importantes a considerar nestes contexto. A falta de equidade e igualdade que o Tribunal apreciou antes resultan tamén en violación do Art.10º.”

Finalmente, o Tribunal estima que a “recompensa por danos no presente caso foi desproporcionada en relación o obxectivo visado” e conclui que “dada a falta de equidade procedimental e a desproporcionada recompensa por danos, o Tribunal afirma que se produciu violación do Art.10º”.

Mais información: www.statewatch.org (“Victory for McLibel 2 against UK Government”)

Categoría: Xeral