PALESTRA EN OURENSE
Muller e prisión. Abusos na cadea de Langraiz-Oka
27 de Maio de 2010
A Comisión de Denúncia da Galiza organiza este sábado 29 de maio às 19.30 h, no café-tetería Grândola, Praza de San Marcial, na cidade de Ourense, a palestra: “Muller e prisión: os abusos contra as presas da cadea de Langraiz-Oka”, exemplificado nun dos casos mais escandalosos dos últimos anos, o de Nanclares de Oca, os abusos às mulleres nos cárceres españois. A palestra correrá a cargo de Carlos "Pote" Hernández, coordenador en Bizkaia de Salhaketa, organización para a defensa dos direitos de todos os presos e presas.
En marzo de 2005, unha muller presa no departamento feminino do cárcere de Langraiz-Oka (Araba) denunciou o entón Subdirector de Seguranza do centro por acoso e coaccións sexuais, destapando asi unha realidade de abusos de toda índole sobre as mulleres presas naquel centro que, até entón era un segredo a voces mais sobre a que a falta de denúncias xudiciais impedía intervir. Esta primeira denúncia, provocou por un lado unha campaña de represálias à denunciante por parte da instituición e por outro unha campaña de apoio e solidariedade de numerosos colectivos e asociacións de todo o Estado, foi o princípio dun proceso de denúncia da realidade penitenciária das mulleres nos cárceres españois.
Desde marzo de 2005, outras 3 presas de Langraiz-Oka, 1 presa de A Lama, 4 presas de Palma de Mallorca, 1 interna no psiquiátrico penitenciário de Fontcalent, 2 presas no cárcere de Ibiza e finalmente 3 presas de Meco denunciaron distintas situacións de acoso e abusos sexuais por parte de funcionários de prisións. Tememos que isto sexa só a ponta do iceberg, tal e como nos ten ensinado a experiéncia de Nanclares, mais cando menos agora esta realidade comeza a ser visualizada, a realidade das mulleres presas, até agora esquecidas, sempre discriminadas e muitas veces agredidas na sua dignidade e direitos
Categoría: Xeral |
