Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


POLÍCIA E ACTOS RELIXIOSOS

05 de Marzo de 2006
Despois que o Tribunal Constitucional dera a razón a un sub-inspector da Polícia Nacional en Málaga, que se negou a obedecer a orde de asistir a actos relixiosos, agora é o Xulgado núm. 1 do Contencioso-Administrativo de Castellón que dita sentenza a favor de Ángel Torres, Intendente-Chefe da polícia local da localidade de Vila-Real, que reclama o seu direito a non desfilar en procisións e a non participar en nengun tipo de actos relixiosos, dentro ou fora dos lugares destinados ao culto.

Apesar de os responsáveis do Concello alegaren que a participación da Corporación nas procisións “non constitui acto público de carácter relixioso” por se celebraren fora de un templo, o fallo confirma que o carácter relixioso do acto é independente do lugar en que este se celebre.

Por outra parte, o argumento de a sua función consistir en “protexer as autoridades das corporacións locais”, como alegava o Concello, é tamén desestimado por a participación de Torres non se esixir con este fin senón “en tanto que Chefe da Polícia Local e dentro dun cadro protocolário”. “Neste cadro”, afirma a sentenza, “os deveres do cargo ceden perante o direito fundamental à liberdade relixiosa”.

Categoría: Xeral