PROCESADOS POR NON REVELAREN AS FONTES
14 de Outubro de 2005
Katherine Cornier, xuíza de instrución de Nanterre, acaba de procesar cinco xornalistas franceses por non revelaren as suas fontes de información, segundo informa La Vanguardia e recolle xornalistas.com.
"Unha xuíz francesa procesou a cinco xornalistas -tres do semanario Le Point e dous do diario deportivo L´Équipe- por un presunto delito de encubrimento da violación do segredo do sumario no caso Cofidis, relativo ó tráfico de substancias dopantes no seo deste equipo ciclista. A decisión, tomada pola xuíz de instrución de Nanterre Katherine Cornier, levantou iradas protestas por parte dos responsables de ambas as dúas publicacións.
Os feitos remóntanse a principios do 2004, cando Le Point (o 22 de xaneiro) e L´Équipe (o 4 de abril) publicaron sendas informacións coa reprodución integral das escoitas e con extractos do atestado das audicións ás que foron sometidos os corredores e o adestrador do equipo Cofidis tras se destapar un presunto caso de tráfico de estupefacientes para a dopaxe unha vez concluído o Tour´03.
A fiscalía abriu unha investigación para determinar a identidade dos autores da filtración, con toda seguridade da policía, xa que parte do contido das escoitas non fora incorporado formalmente aínda ó sumario no momento en que foron publicadas. En Francia, os xornalistas non poden ser acusados de violación do segredo xudicial e tamén teñen recoñecido por lei o dereito a non revelar as súas fontes. Pero o tribunal de Nanterre que leva o caso quere por todos os medios actuar contra os autores da filtración. A principios deste ano o tribunal ordenou o rexistro das redaccións de Le Point e L´Équipe, así como dos domicilios e intervención das axendas e os discos duros de ordenador dos dous xornalistas do rotativo. Os directores de Le Point e de L´Équipe, Franz-Olivier Giesbert e Claude Doussent, consideraron que esta nova decisión xudicial é un "ataque á liberdade de expresión" e a "as raíces mesmas da profesión" xornalística. O sumario do caso quedou cerrado o pasado agosto, co procesamento de nove persoas.
Categoría: Xeral |
