Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


RECOMENDACIÓNS AO GOVERNO ESPAÑOL

04 de Febreiro de 2005
Human Rights Watch acaba de publicar un extenso relatório sobre a situación das persoas que foron presas no Estado Español a seguir os atentados do 11-M: “Sentando ejemplo? Las medidas anti-terroristas en España.”

A coñecida organización de direitos humanos mostra neste documento a sua preocupación polas condicións en que se encontran estas persoas e os abusos a que presumivelmente foron submetidas durante o tempo de detención incomunicada e posterior reclusión en celas de isolamento.
A asociación humanitária lembra que a vulneración dos direitos das persoas presas en aplicación da lexislación anti-terrorista española foi xa denunciada en numerosas ocasións polos mais importantes organismos internacionais (Comité de Direitos Humanso e Relator das Nacións Unidas) e por prestixiosas organizacións non governamentais (Amnistia Internacional, Organización Mundial contra a Tortura, etc.), e fai unha série de Recomendacións ao governo español, instando-o a tomar medidas urxentes para evitar que eses direitos continuen sendo vulnerados nas comisarias e cárceres do estado.

Neste mui documentado relatório, Human Rights Watch descobre o lado oculto das actuacións policiais e judiciárias. Descreve a desinformación –cando non aberta cumplicidade con os aspectos mais obscuros destas actuacións- dos advogados do turno de ofício, a indiferenza dos organismos encarregados de velar polo respeito dos direitos fundamentais (Oficina del Defensor del Pueblo), a negativa dos máximos responsáveis do estado a admitir as reiteradas denúncias dos organismos internacionais (Fiscal Xeral do Estado), etc. etc.

O relatório completo pode ler-se en: www.hrw.org

Categoría: Xeral