Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


RELATÓRIO DA COORDENADORA

16 de Maio de 2005
A Coordenadora para a Prevención da Tortura apresentou o pasado 13 de Maio, un extenso relatório intitulado A Tortura no Estado Español. 2004, do que se entregou cópia tanto à mesa do Congreso dos Deputados como ao Ministério do Interior. Neste relatório a Coordenadora documenta a existéncia de, polo menos, 793 denúncias por tortura e/ou maus tratos no ano 2004 en todo o estado español, 24 delas formuladas en Galiza.

COMUNICADO DE PRENSA DA COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA

No dia de hoxe, 13 de Maio de 2005, a Coordenadora para a Prevención da Tortura fai público o seu relatório Torturas no Estado Español no ano 2004.

Neste dossier dan-se a coñecer 793 casos de denúncias por torturas e/ou maus tratos que afectaron 755 persoas en comisarias, cárceres, centros de menores e outros centros de detención do Estado Español. Denúncias apresentadas por persoas do movimento sindical e outros movimentos sociais, por persoas presas, imigrantes, menores, etc.

755 persoas de mui diversas orixes e condicións sociais que denunciaron ter sofrido, con ou sen aplicación da lexislación anti-terrorista, maus tratos e/ou torturas no ano 2004.

755 persoas que se encontran na mais absoluta das indefensións face às diferentes adminstracións e que mesmo ven cuestionada a sua própria condición de agredidas.

Estas torturas, na maioria dos casos, van ficar impunes porque o sistema xudiciário español non dá resposta adecuada a estes problemas: lentitude na tramitación das denúncias (até mais de 20 anos nalguns casos), arquivamento sistemático das causas, recoñecimento às veces de torturas mas sen se condenar os autores, etc. Poucos foron os membros das diversas forzas de seguranza do estado condenados por estes crimes e, cando o foron, a norma foi conceder-lles o indulto.

Para dar cabo desta situación, consideramos o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas un mecanismo imprescindível pois contempla a formación de Comités que poderán realizar visitas privadas, sen restricións e sen prévio aviso nen autorización, aos lugares onde haxa persoas detidas, retidas ou presas para garantir que se respeiten os seus direitos e evitar e/ou denunciar posíveis abusos.

A Coordenadora para a Prevención da Tortura, formada por 32 asociacións de todo o estado, insta portanto ao Congreso dos Deputados a ratificar este Protocolo e ao governo español a tomar de imediato medidas preventivas eficaces contando con a participación activa da sociedade e as suas organizacións de defensa dos direitos das persoas e as liberdades públicas.

13 de Maio de 2005-05-17

Mais información: www.prevenciontortura.org

Categoría: Xeral