RUA REAL DA CORUÑA
02 de Setembro de 2006
O Grupo de Estranxeiros do Corpo Nacional de Polícia da Coruña iniciou expediente sancionador de expulsión contra 14 dos 16 vendedores subsaarianos detidos o 29 de Agosto na Rua Real desta cidade tras unha operación policial unanimemente calificada de brutal polas persoas que a presenciaron. Segundo as testemuñas, os axentes –despois de bloquearen os extremos da rua- arremeteron contra os imigrantes agredindo-os de maneira inxustificada e sen estes ofereceren resisténcia algunha.
No operativo participaron numerosos axentes uniformados e polícias de paisano do Departamento de Delitos Económicos e a sua agresiva intervención saldou-se con vários vendedores ambulantes contusionados que tiveron de ser atendidos polos servizos médicos de unha ambuláncia deslocada ao lugar dos feitos. Posteriormente, e despois de os axentes lles incautaren e inutilizaren a mercadoria, os vendedores foron conducidos a comisaria.
É importante salientar que os axentes actuaron contra estas persoas como se se tratase de capturar unha perigosa banda organizada, con un despregamento de meios e unha contundéncia insólitos, en todo desproporcionados às circunstáncias. Se a isto sumamos a manifesta falta de profesionalidade e experiéncia que mostraron na sua actuación os axentes –ao que parece en período de práticas- entenderemos a alarma e indignación que esta provocou provocou entre os agredidos e as testemuñas.
PERIGO DE EXPULSIÓN
Estes imigrantes forman parte de un colectivo de 107 subsaarianos chegados recentemente das Illas Canárias, parte das case 20.000 persoas que este ano aportaron nas costas do estado español procedentes de África.
O letrado de Ecodesarrollo Gaia que atende os detidos solicita agora a suspensións provisória do expediente de expulsión baseando-se en tres argumentos: i) que os xovens detidos non deven ser expulsados até o Governo central ter decidido o que facer con o conxunto de imigrantes de que este colectivo forma parte; ii) que alguns dos arrestados non desenvolvia actividade comercial de nengun tipo e estava no lugar por outras razóns; iii) que muitos dos implicados neste caso estan seguindo cursos de capacitación profisonal na Asociación Ecodesarrollo Gaia, o que permitirá que no futuro podan incorporar-se a unha actividade laboral regular e avala a sua intención de se integraren legalmente na sociedade galega.
Categoría: Xeral |
