Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


OPACIDADE INFORMATIVA

Regulamento de Seguranza nos Aeroportos

10 de Novembro de 2008

Despois de anos de denúncias, a Comisión Europea decidiu finalmente facer pública a versión revisada do Regulamento de Seguranza nos Aeroportos, que entrou en vigor o pasado 20 de Agosto. O Regulamento non precisa de norma algunha de desenvolvimento por ser ‘obrigatório en todos os seus elementos e directamente aplicável en cada Estado membro’. A publicación veu pór fin à polémica atitude da Comisión cuxo inxustificado secretismo deu lugar a frecuentes casos de abusos nos aeroportos europeus.

Entre eles, o de David Raya, cidadán do Hospitalet de Llobregat, que denunciou no Parlamento Europeu ter sido obrigado en várias ocasións a exibir o seu historial médico confidencial para demonstrar que padece de diabetes e fibrose quística e precisa viaxar con medicamentos e produtos líquidos. Segundo alguns axentes, a esixéncia estaria amparada polo Regulamento que nesa altura era secreto, circuinstáncia que loxicamente impedia comprovar a sua legalidade e provocava unha situación de manifesta indefensión.

Curiosamente, na sesión da comisión en que o Sr. Raya expuxo a sua queixa, cando o eurodeputado Ignasi Guardans manifestou que, ao ser secreta, a norma deixava unha “ampla marxe de manobra à arbitrariedade”, a secretária da Comisión, presente na sala, revelou que a norma previa que as persoas que padezan algunha doenza podan levar medicamentos e bebidas non alcóolicas. O governo español deu a coñecer a norma o 27 de Setembro, con dous meses de demora.



Categoría: Xeral