Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


MENORES

Retorno a calquer prezo

11 de Novembro de 2008
Menores

O pasado mes de Outubro Human Rights Watch (HRW) fixo público un relatório sobre o tratamento que receben no Reino de España os menores non acompañados que chegan às suas costas: Retornos a calquer prezo. España insiste na repatriación de menores estranxeiros non acompañados sen garantias.

Segundo HRW, ao chegaren ao Reino de España, os menores son detidos e ingresados en centros de acollida, onde teñen que facer frente a posíveis maus tratos, e desde onde son devoltos, sen as garantias devidas, a países en que poden correr o risco de sofreren tratamentos ou penas cruéis, desumanos ou degradantes, afirma HRW. Ainda que a lei española se axusta no fundamental às esixéncias das normas internacionais, a prática dista muito de respeitar eses requisitos.

A maioria dos menores non acompañados que chegan às costas españolas proceden de Marrocos e o Senegal, países con os que o Reino de España asinou acordos bilaterais para acelerar os trámites de repatriación. HRW afirma ter constáncia documentada de repetidos abusos e acusa tanto ao Reino de España como ao de Marrocos desta prática delitiva. Por outra parte, ao contrário do que acontece con as persoas adultas, o governo non proporciona às menores imigrantes asisténcia legal gratuita e independente, o que as priva da posibilidade de recorrer sentenzas que poden afectar a sua integridade e até a própria vida.

Quen representa os menores é, paradoxalmente, a mesma entidade pública que realiza o trámite de repatriación e, cando advogados independentes pretenden representá-los de forma gratuita, o governo fai o posível por impedir esas actuación solidárias. En Marrocos onde, unha vez readmitidos, os menore son con frecuéncia expulsados à rua polos axentes de seguranza e non reagrupados con as suas famílias. “España deve investigar as circunstáncias a que se enfrentan os menores ao seu regreso antes de tomar unha decisión de repatriación,” subliña Simone Troller, investigadora dos direitos do menor de HRW. Comité DD.HH. da ONU.

Pola sua parte, o Comité de DD.HH. da ONU, fixo-se eco destas preocupacións no Relatório elaborado despois da recente comparecéncia do Reino de España.


O Comité está preocupado polas informacións relativas à situación dos menores non acompañados que chegan a território español e son repatriados sen que o interese superior do menor sexa tomado en conta. Estes menores poden ser vítimas de maus tratos nos centros de acoliida e son retidos às veces en locais da polícia e da Guardia Civil sen beneficiaren da asisténcia de un advogados e sen seren levados de imediato perante o xuiz.

O Estado parte deve velar para que os direitos dos menores non acompañados que chegan a território español sexan respeitados. Nomeadamente deve:

a) garantir que todos os menores non acompañados receban asisténcia xurídica gratuita durante o procedimento administrativo e, mais xeralmente, durante a expulsión;

b) tomar en consideración o interese superior do menor nestes procedimentos; e

c) criar un mecanismo de controlo dos centros de acollida para garantir que os menores non son obxecto de abusos.


Categoría: Xeral