Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


APOIO À CAMPAÑA DE BDS

Sindicatos británicos organizarán boicot a Israel

21 de Setembro de 2009

Nunha decisión histórica, os sindicatos británicos votaron esmagadoramente a favor de organizar un movimento masivo de boicot, desinvestimento e sancións contra Israel até conseguir unha solución negociada e xusta con o povo palestino.
A moción foi aprovada o pasado 17 de Setembro en Liverpoool, no decurso do Congreso Anual da Trade Union Congress (TUC), que representa 6,5 millóns de traballadores do Reino Unido.
"Esta proposta é a culminación de unha vaga de mocións apresentadas nas conferéncias dos diferentes sindicatos ao longo do ano e reflecte a indignación pola brutal agresión de Israel contra a Faixa de Gaza e o crecimento do apoio aos direitos do povo palestino", declarou Hugh Lanning, presidente da Palestine Solidarity Campaign.
"Traballaremos con o TUC para desenvolver unha campaña popular contra os produtos israelitas, nomeadamente os agrícolas producidos nos asentamentos ilegais de Cisxordánia", acrescentou.
A moción insta o Consello Xeral do TUC a exercer presión sobre o governo británico para pór fin a calquer tipo de comércio de armas con Israel e a apoiar as iniciativas que se emprendan para suspender o acordo comercial UE-Israel. Tamén alenta os sindicatos a desinvestir en empresas que benefician da ocupación ilegal de Gaza e Cisxordánia e condena o sindicato israelita Histadrut por ter apoiado a agresión contra a Faixa ao tempo que solicita ao TUC revise as relacións que mantén con este sindicato.



Categoría: Xeral