Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


TORTURA E IMPUNIDADE NO EE

31 de Decembro de 2004
No decurso de unha conferéncia de prensa celebrada o 27 de Decembro, a nai de Armaia Urizar, Rosa de Paz, deu a coñecer o extenso testemuño en que esta presa vasca relata as torturas a que foi submetida nas dependéncias da Guardia Civil durante o período de detención incomunicada.

A brutalidade das agresións que Armaia Urizar denuncia no seu escrito, incluída a violación con unha pistola carregada, non poden ficar impunes, opinan as asociacións de defensa de direitos humanos e liberdades públicas que reclamaron a urxente investigación dos feitos. A posta en prática de medidas eficaces para a sua completa erradicación, entre elas a abolición do rexime de incomunicación, son reivindicacións constantes das asociacións civis a que o governo deve prestar atención imediata.

Lembremos que xa o pasado dia 3 de Decembro, Amnistia Internacional fixera público un documentado relatório (“España, acabar con a dobre inxustiza. As vítimas de tortura e maus tratos non son indemnizadas”) en que se alerta sobre a impunidade de que parecen gozar no Estado Español os funcionários responsáveis de actos de tortura e maus tratos asi como a auséncia de medidas eficaces para resarcir as vítimas (investigación e reparación do dano). Como xa fixera anteriormente o Relator Especial das Nacións Unidas, Amnistia Internacional mostra a sua preocupación por esta situacion e reclama a adopción de medidas que garantan o respeito dos direitos das persoas detidas.

O texto de Armaia Urizar pode ler-se en www.stoptortura.com.

Categoría: Xeral