Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


TRANSFERÉNCIA DE DADOS PERSOAIS

12 de Outubro de 2006
A Asociación Europea de Direitos Humanos fixo público en Bruxelas, o pasado 9 de Outubro, un comunicado contra o novo acordo do Consello con os EUA sobre transferéncia de dados persoais de pasaxeiros de liñas aéreas.

“O 6 de Outubro de 2006 o Consello aprovou un novo acordo con os EUA sobre a transferéncia dos dados persoais (Passenger Name Record ou PNR) às autoridades americanas. Interpelado polo Parlamento Europeu, o TXCE considerara, o 30.05.06, ilegal por defeito “de fundamentos xurídicos” o primeiro acordo de 28.05.04.

Este novo acordo piora as disposicións do acordo de 2004. Reanuda-se a transmisión de 34 dados que se referen non só ao Estado civil dos pasaxeiros, senon tamén ao número de cartón de crédito, a información sobre a saúde, información sobre o comportamento alimentar (que permite revelar práticas relixiosas), a faculdade de transmitir os dados recollidos a terceiros Estados, a conservación dos dados durante un período de tres anos e meio (prazo que poderia ser prolongado ainda máis). Mais estes dados xa non estarán apenas ao dispor dos servizos de alfándegas e da polícia de fronteiras americana, senón que estarán tamén ao alcance de todas as axéncias americanas encarregadas da luita anti-terrorista, segundo a aplicación do princípio de disponibilidade. Estes feitos son ainda mais graves por non existir nos Estados Unidos protección xudicial para os non nacionais e nengunha autoridade xudicial protexer os dados relativos ao transporte aéreo.

A Asociación Europea para a Defensa dos Direitos Humanos –AEDH- considera este acordo inaceitável: contravén os direitos individuais elementares das persoas, é desproporcionado en relación con o obxectivo que se pretende atinxir, está en contradición con a Directiva 95/46 CE para a protección de dados de carácter persoal, con o artigo 8 da Carta de Direitos Fundamentais e con o artigo 8 de Convénio europeu de Direitos Humanos.

Desde a sentenza do TXCE do mes de Maio, as adverténcias e os ditames non faltaron sobre os perigos de un novo acordo. O grupo Artigo 29 (G29) e o Parlamento Europeu salientaron os limites que non se deven cruzar, ao se basearen no princípio de proporcionalidade e o carácter desproporcionado das medidas previstas en relación con os obxectivos que se procura atingir.

Na sua recomendación, do 7 de Setembro de 2006, o Parlamento Europeu manifesta “a sua viva preocupación a respeito do aceso sistemático das autoridades públicas aos dados vinculados ao comportamento de pasaxeiros ordinários” (quer dicer persoas non consideradas perigosas ou criminais no país de destino), con o fin de comprovar simplesmente, segundo un esquema teórico, se unha determinada persoa poderia constituir unha ameaza “potencial” para o vóo, o seu país de destino ou un país de tránsito. O Parlamento lembrou asi mesmo ter consultado o TXCE por a decisión da Comisión “non estar dotada de fundamento xurídico e carecer de clareza xurídica e por a cantidade de dados persoais que se autoriza recoller en virtude do acordo ser excesiva se considerarmos a necesidade de luitar contra a criminalidade organizada e o terrorismo.”

O retroceso do Consello para satisfazer a solicitude das autoridades americanas argumenta-se en base a estaren en xogo importantes intereses económicos do transporte aéreo: risco de multa de 6.000$ por pasaxeiro e ameaza de proibición de aterrar nos EUA. Mais isto non pode xustificar tal ataque ao direito à vida privada.

A non ser, como xa se dixo, que se queira preparar a opinión para unha aplicación destas normas dentro da UE, deriva que seria extremamente perigosa.

A EDH apela à cidadania europea e aos parlamentos que a representan, a opor-se à asinatura deste acordo prevista para os próximos dias e evitar que se aplique até Xullo de 2007, data en que o acordo será debatido novamente."

Categoría: Xeral