VOOS DA CIA
12 de Decembro de 2005
“O governo de Gerhard Schröder tiña información pormenorizada das actuacións da CIA en Europa –e non dixo nada. Funcionários da administracion alemá terian mesmo cooperado activamente con estas actuacións”, afirma Matthias Gebauer no seu artigo “A CIA en Europa. O siléncio de Berlin” publicado o 5 de Decembro no Spiegel, xornal que –xunto con Washington Post e outros meios- manifestan ter encontrado provas suficientes para poderen afirmar que o governo alemán foi cúmplice destas actividades ilegais.
A história de Khaled Masri, cidadán alemán secuestrado e conducido a Macedónia a finais do 2003 para despois ser transladado a Afeganistán (Xaneiro de 2004) onde foi interrogado e torturado durante meses, sen se encontraren provas dunha eventual vinculación a grupos islamistas, é un dos casos máis coñecido. Agora, grazas às investigacións do fiscal, o seu advogado e vários xornalistas, sabe-se que o embaixador dos USA informara Otto Schily en Maio de 2004, altura en que era Ministro de Interior do governo Schröder, da necesidade de traer o Sr. Masri de regreso a Alemaña sen chamar a atención. Schily aceitou ser discreto e Khaled Masri foi transladado nun Boeing 737 rexistado con o número N33P, e propriedade dunha compañia con conexións con a CIA, que fixo escala en Palma de Mallorca.
Mohammed Haydar Zammar, cidadán alemán de orixe síria, desapareceu en Marrocos en estrañas circunstáncias a finais de 2001 e, conducido ao seu país de orixe pola CIA, foi interrogado con os métodos que ali son habituais. Non hai constáncia de o governo alemán ter tido coñecimento disto, mas si os servizos de intelixéncia que, interesados en interrogar directamente Haydar Zammar por considerá-lo comprometido no recrutamento dos secuestradores suicidas do 11-S, conseguiron que altos representantes do governo alemán chegasen a un acordo con o governo sírio: aquel retiraria a acusación contra dous supostos axentes sírios en troca de os servizos alemáns poderen interrogar Haydar Zamar. En Novembro de 2002, unha comisión alemá viaxou a Damasco e interrogou Haydar Zamar nun centro de detención clandestino.
Tamén no caso de Abdelghani Mzoudi and Mounir al-Motassadeq, imputados por colaboración nos atentados do 11-S, o governo alemán negou-se a desclasificar –a instáncias dos USA- importantes documentos que poderian conter provas incriminatórias contra a CIA. E mais grave ainda, se callar, foi a sua colaboración no caso de dous cidadáns iemenis atraídos con un engodo a Frankfurt pola CIA: funcionários alemáns participaron na instalación de micrófonos nos cuartos de hotel e entregaron posteriormente os dous homes aos Estados Unidos.
Pola sua parte o Centro para os Direitos Humanos e a Xustiza Global da Universidade de Nova York, publicou recentemente un relatório (“Torture By Proxy, International and Domestic Law Applicable to Extraordinary Renditions) en que denuncia a violación das normas internacionais que representa a chamada Entrega Extraordinária de persoas e as responsabilidades en que incorren os estados que na prática colaboran con estas actividades ilegais. “Actos aparentemente inócuos como permitir escalas técnicas, poden violar a lexislación internacional se con iso se facilita a Entrega Extraordinária.” , afirma Meg Satterthwaite, Director do Centro. “De acordo con a lexislación humanitária internacional, todos os estados teñen que tomar medidas para evitar cualquier cooperación con estes actos ilegais.”
Fonte: www.cageprisoners.com
Categoría: Xeral |
