Unha sentenza interpretativa
Despois da sentenza, que?
Pablo González Mariñas (Xornal de Galicia - 14/0710)As sentenzas interpretativas, como é o caso da que vén de pronunciar o Tribunal Constitucional sobre o Estatuto catalán, constitúen un semilleiro de problemas. Son dende logo un medio lícito, que facilita o traballo do interprete que, doutro xeito, tería que elixir binariamente entre a constitucionalidade ou inconstitucionalidade dun precepto, sen outras fórmulas hábiles para acoller os múltiples matices do Dereito. Son, en definitiva, un criterio aceptado para non producir lagoas no Ordenamento e superar o concepto do Tribunal como mero “lexislador negativo”.
Porén, esta fórmula é problemática, porque pode arrastrar aos xuíces a un inconveniente labor “creativo” do Dereito. Estas sentenzas, con frecuencia non interpretan simplemente o precepto conflitivo, senón que alcanzan o sentido de sentenzas “construtivas” (que reconstrúen unha norma non explícita), sentenzas “apelativas” (que interpretan a norma segundo o seu presunto espírito e finalidade) e mesmo sentenzas “manipulativas” (que crean unha norma nova, converténdose o Tribunal en “lexislador positivo”, o que obviamente non lle corresponde). En definitiva, estas sentenzas poden server como instrumentos para facer política revestida de criterios aparentemente xurídicos.
A sentenza sobre o Estatut ten pronunciamentos que participan destes tres caracteres. Tempo haberá para identificalos e comentalos. Abonda agora con manifestar que o Tribunal actuou neste caso cun grao notábel de politización e imprudencia. Asumíu a interpretación máis restritiva do Estado das autonomías, a que pecha a porta aos principios primixenios do Título VIII da Constitución: o pacto constituínte e estatutario, o acordo transaccional e o carácter aberto e evolutivo do modelo.
O Estado autonómico non naceu como un sistema pechado e estritamente definido dende o inicio no reparto das competencias entre o Estado e as comunidades autonómicas, porque partíu con razón das diferencias identitarias e do diverso grao de autogoberno pretendido por cadansua delas. E foi esa recoñecida posibilidade de avanzar asimétricamente no autogoberno, o que posibilitou a afección ao sistema das comunidades chamadas eufemisticamente “nacionalidades”. Este aval de fidelidade ao sistema constitucional establecido é o que se ven de traicionar, seméntandose desafección. Logo da sentenza do Tribunal Constitucional, fuxíu a confianza nacida do pacto, o Estado das autonomías dase por rematado, sen posibilidade de evoluir, e encétase un horizonte escuro sobre o modelo de Estado no que convivir.
Falar hoxe de Estado plurinacional é moito máis difícil que hai dez ou quince anos. Retrogradimos. Cataluña acaba de refrendar masivamente que hai unha fonda fractura social e que o Partido Popular, de tanto defender a “indisoluble unidad de la Nación española”, cos seus excesos e recursos vai rematar poñendoa en franco perigo.
Categoría: Opinión |
