Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


Quen somos?

A necesidade de Esculca

Observatório para a Defensa dos Direitos e as Liberdades
 
Vivemos nunha época caracterizada pola atomización social, pola indiferenza respeito da cousa pública e polo desarme ideolóxico. Tais atitudes arrastan a cidadania à aceitación inconsciente das práticas de tutelaxe e de perda da soberania de pensamento en benefício das estruturas e instáncias de controlo dun estado acarunchado polos intereses das grandes corporacións e dos seus aparellos de dominación, entre os que os media ocupan posición sobranceira. Unha semellante entrega e rendición comporta asi mesmo o perigo de vasalaxe moral e ética desa mesma cidadania que renuncia ao exercício supremo da sua liberdade para exercer a crítica, aceitando ser fagocitada sen resisténcia na cesión de tal direito.

Unha asociación que tente asumir a defensa das liberdades e os direitos fundamentais das persoas deve incentivar a cidadania a retomar a vella dialéctica, anterior ao século vinte, de confronto con o poder ou grupos de poder empeñados en manter privilégios anti-democrático e en cercear as liberdades. Deve contribuir a buscar respostas a calquer forma de autoritarismo e represión dos direitos e as liberdades, nomeadamente nestes momentos en que vemos como, aos restos das vellas formas totalitárias da ditadura que subsisten na sociedade, ven sumar-se unha nova vaga anti-demorcrática que atinxe todo o planeta e todos os campos sociais.

Con efeito, nos países da UE comezou a se desenvoler hai alguns anos un proceso mui sério de deterioramento das formas de convivéncia democrática e de recuo no recoñecimento de direitos e liberdades até hai bem pouco considerados básicos e irrenunciáveis na xeneralidade dos estados membros. Tomando como escusa a chamada luita anti-terrorista, adoptan-se medidas lexislativas e policiais que socavan os alicerces do próprio estado de direito tal e como até agora viña sendo concebido. Este proceso, que experimentou un aceleramento mui importante a partir dos atentados do 11 de Setembro,leva à configuración de unha política interior comun a todos os estados da Unión Europea que, no fundamental, se caracteriza por:

  • A crescente concentración de competéncias no poder executivo e a perda de controlo parlamentar ou xudicial a respeito de matérias que afectan a garantias básicas dos cidadáns.
     
  • A orientación da política interior do conxunto dos estados membros da UE à configuración de un estado policial europeu, política de que é peza básica a EUROPOL, cuxa dotación e competéncias non deixaron de aumentar desde que entrou en vigor en 1999 e cuxa actuación se desenvolve à marxe de calquer verificación parlamentar e coñecimento da opinión pública.
     
  • O esvaimento progresivo da fronteira que delimita a política de seguranza interior e a defensa exterior, ao se implicaren os exércitos cada vez mais na acción contra un suposto inimigo interior.
     
  • A criminalización de calquer forma de disidència política, ao se ampliar, e definir-se pola finalidade das accións realizadas, o conceito de terrorismo. Ao tempo que se recupera a figura do “terrorista individual“?, eliminando-se o anterior requisito de pertenza a un grupo organizado e salientando-se a mención a persoas ou grupos que a própria normativa cualifica de “radicais“? ou “anarquistas“?, o que subliña que un dos obxectivos mais importantes destas medidas é a neutralización do crescente movimento anti-globalización. Esta criminalización conleva, aliás, un tollimento da liberdade de expresión, restabelecendo-se os delitos de opinión ao se penalizar a simples incitación ou apoloxia deste tipo de accións reivindicativas.
     
  • A supresión de garantias básicas coa introdución de figuras como a imputación de responsabilidade penal a persoas xurídicas por accións cometidas por algun dos seus membros ou eliminación de direitos como a presunción de inocéncia, ao poderen ser aplicadas algunhas destas sancións sen intervención xudicial.
     
  • A consagración da arbitrariedade e policiación nos procedimentos de extradición ao se implantar a Euro-Orde de Detención e Entrega, normativa que destrui a noción de delito político e elimina toda grantia xurídica neste tipo de procedimentos, vulnerando-se o respeito às liberdades e direitos fundamentais consagrados na própria Constitución.
     
  • A anulación de garantias procesuais básicas coa ampliación dos prazos de detención e a extensión das xurisdicións especiais.
     
  • A perda de intimidade dos cidadáns que se concreta: na aplicación de novas tecnoloxias -algunhas, como a identificación biométrica, lembran o século XIX e Cesare Lombroso- para a obtención, transmisión e procesamento de todo tipo de información relativa às vidas persoais; na ampliación das bases de dados do SIS (Schengen Information System) para incluir persoas e grupos potencialmente activos en accións de protesta e persoas procedentes de países de fora da sua área con permiso de residéncia temporal; na posibilidade de os corpos policiais acederen às mensagens transmitidas por meios electrónicos, que a partir de agora poden ser retidas à marxe, tamén, de calquer controlo xudicial.
     
  • A diferenciación entre seres humanos ilegais e legais “hoxe xa “delincuentes“? e “non delincuentes“?- ao se privar da titularidade de direitos fundamentais básicos (educación, sanidade, emprego, asociación, manifestación ou sindicación entre outros) as persoas que carecen de permiso de residéncia nalgun dos estados membros da UE.

Ora, se en Europa este proceso provoca a reacción desacougada de numerosas persoas e colectivos a quen preocupa o mui sério perigo de involución democrática (Amnistia Internacional , Ligue des Droites de l'Homme, Statewatch, Advogados Democratas Europeus, por pór só uns exemplos) non acontece o mesmo entre nós. Na sociedade galega a ameaza que para as liberdades fundamentais supón a implantación de medidas lexislativas e policiais tan regresivas semella xerar somente desleixo e indiferenza. O secretismo e a manipulación informativa, unha inércia de decénios que leva a dar por sentado que certos atropelos dos poderes forman parte da paisaxe inamovível desta sociedade, o pouco rendimento eleitoral que as organizacións políticas cren poderian tirar da denúncia desta situación e a nosa limitada experiéncia colectiva na prática de controlo civil das institucións, públicas e privadas, están mui provavelmente na base desta atitude de apatia social que contrasta con as reaccións que se producen no resto de Europa.

ESCULCA, OBSERVATÓRIO PARA A DEFENSA DOS DIREITOS E LIBERDADES nasce co propósito de contribuir a que a sociedade galega non se deixe gañar pola pasividade, que non se conforme co papel de simples paciente da historia a quen os poderes conceden unha liberdade cada vez mais restrinxida. Desexa promover, pois, a recuperación do interese polos asuntos públicos e o sentido da responsabilidade colectiva, coñecedora de que a indiferenza e o absentismo son o terreno mais propício para poderen surxir formas novas de totalitarismo e controlo anti-democrático. Considera que unha maneira de frear estas correntes de carácter autoritário, de recorte e supresión de liberdades “mascarados como medidas de seguranza- é a análise concreta da realidade, recollendo e transmitindo información sobre a nova conxuntura que está a agromar, promovendo o debate público sobre as novas medidas autoritárias e actuando contra os abusos que se producen no noso contorno, na urxente necesidade de detención desta nova vaga autoritária. Proclama que ten como obxectivos a intervención e comunicación social para espallar os verdadeiros fins das políticas institucionais e o traballo na defensa das liberdades civis, entendidas estas no sentido mais amplo, mediante a actuación en todos aqueles campos que outros grupos ou organización cosideran non prioritários ou intrascendentes.

ESCULCA, OBSERVATÓRIO PARA A DEFENSA DOS DIREITOS E LIBERDADES, é unha asociación independente dos poderes públicos e, como tal, nen solicitará, nen aceitará nengun tipo de axuda ou subsídio procedente deses poderes, levando a cabo o seu financiamento só en base às aportacións dos seus aderentes e colaboradores.

GALIZA, Xullo 2002






Última actualización da web:
05 Febreiro 2012