You are hereRazón versus fé

Razón versus fé


DEBATE SOBRE OS CRUCIFIXOS NAS AULAS

Un debate clásico da teoloxía medieval foi as relacións que se establecen entre as verdades da razón e as verdades reveladas pola fe. Hoxe cando todo semella que debería estar superado logo de séculos de librepensamento, positivismo científico e metarrelatos posmodernos, algo indica que a súa esencia permanece en pleno século XXI. Así entre todos os problemas económicos e vitais que invaden a cidadanía acotío xorde o curioso debate dos crucifixos. Debate capaz de facerse un oco mediático nunha axenda bastante completa. E o máis estraño de toda a situación reside no sinsentido de expoñer á opinión pública un tema que non se ten nin a intención, nin a posibilidade de levalo a ningún sitio. Tal vez por isto conseguiu o seu merecido espazo.

Se existise a vontade e a valentía política para asumir o que realmente significa este debate na forma e no fondo comezaríase por efectivizar unha das moitas materias pendentes na reforma da Constitución, isto é, a de recoñecer o carácter laico do Estado e superar o termo aconfesional que se lle outorga neste momento. Se non apostamos claramente por establecer a necesidade do laicismo na regulación dos espazos públicos estaremos voltando constantemente a posturas preilustradas. De feito, asistimos a un intento de incrementar a defensa da fe como reguladora da lexislación ou das política públicas.

Neste punto estamos desde hai tempo nunha situación que semella a de querer e non poder –ou poder e non ter claro que se queira. E isto produce os paraxodos nos que vivimos. Por exemplo, a escola adica máis horas ao ensino dun credo relixioso concreto que ao estudo da filosofía e a física xuntas. O alumnado que non está disposto á ensinanza dunha relixión concreta desde os tres anos vese abocado a ser o que sae da aula, o que non se sabe que facer con el ou o que parece ter un problema. Mestúrase de xeito consciente o ensino dunha doutrina co ensino da Historia ou Socioloxía das relixións. Calquera dos dous ensinos, o doutrinal ou o histórico-cultural é importante ou necesario, mais os espazos deben estar claramente diferenciados. O primeiro ten a parroquia, o culto, ou outros posibeis e o segundo a escola.

Esta situación herdada mostra o seu carácter máis oximorónico no tema dos símbolos relixiosos nas aulas. Así podemos escoitar a unha ointe nun programa radiofónico desta última fin de semana que se autodefinía crente: “os crucifixos non fan ningún dano, poden estar nas aulas como calquera outro poster”. No lugar dun mapa de Galiza ou calesquera outro dispositivo pedagóxico pois un crucifixo! Isto é froito de non asumir a importancia do laicismo e do respeto as relixións que este supón. Un crucifixo non é un poster calquera, para aqueles que cren representa unha imaxe do sagrado, e merece todo o seu respeto, e para os que non cren tampouco é un poster xa que lle deben o respeto obrigado en consideración aos que teñen fe.

Os crucifixos terán os seus espazos de culto e respeto fóra das aulas, xa que, aínda que poidan adornar non son un adorno máis.