You are hereA ideoloxia de Millán Astray e o proceso penal

A ideoloxia de Millán Astray e o proceso penal


SENTENZA SOBRE OPERACIÓN DE LIMPEZA DEMOCRÁTICA

O Xulgado do Penal nº 1 de A Coruña ditou sentenza o 4 de decembro de 2009 condenando tres xovens nacionalista galegos que, ás 9 da mañá do 18 de maio de 2005, ataviados con fundas brancas, en nidia referencia aos voluntarios que limparon as nosas costas do vertido do “Prestige”, e pertrechados con unha serra radial e un grupo electróxeno, diante de un nutrido e variado público, iniciaron, como unha peculiar brigada de limpeza, o derrubo da estatuta que homenaxea o fascista Millán Astray na praza do mesmo nome da cidade de A Coruña.

A espectacular operación de limpeza democrática foi frustrada pola Policía Nacional, que detivo os membros da brigada, ficando a figura con unha fenda na súa perna dereita, que mesmo parecía unha ferida de guerra máis no mancado corpo do apoloxeta do fascismo.

O Concello de A Coruña, propietario do obxecto, reparouno e exercitou a acusación particular no proceso subseguinte, considerando, igual que o Ministerio Fiscal, que se producira un delito de danos agravados por afectar a un ben de valor artístico, histórico ou monumental, solicitando para os tres brigadistas unha pena de un ano e dez meses de prisión e unha multa de 5.400 €, ademais de pagar o custe da reparación, por importe de 2.319,70 €.

Sorprendentemente admitiuse no proceso como acusación particular (e non como acción popular) á “Asociación Cultural y Deportiva de Veteranos de la Legión 20 de septiembre de La Coruña”, a pesar de que non ten relación algunha co obxecto danado, e nin tan sequera con a milicia coñecida como “La Legión”, xa que para ser membro, malia o seu nome, non se exixe ter sido “noivo da morte”.

Esta acusación descolgouse con unha petición de condena de tres anos de cadea e multa de 7.200 € por considerar que concorría a agravante do art. 22.4ª do Código Penal, que eleva as penas a aqueles que actúen pretendedo a discriminación da vítima por motivos, neste caso, ideolóxicos, e elevando a petición de responsabilidade civil a 18.900 €, debido a “perfección y alta calidad artística” do monumento.

A sentenza, aínda que os “Veteranos” no xuízo defenderon con ardor a calidade artística e monumental do mamotreto, estabelece que os feitos non pasaron de unha simple falta de danos, xa que as acusacións non conseguiron probar axeitadamente o custo da reparación debido aos defectos que contiña a factura presentada, e tendo en conta que o obxecto danado non acada nin por asomo a consideración de obra artística, histórica ou monumental, e ademais nen sequera estaba catalogado no inventario de bens do Concello de A Coruña, é dicir, que o seu estatus é semellante a calquera das papeleiras da cidade, valorando explícitamente que está prevista a súa retirada, polo que condena cada un dos rapaces a unha multa de 120 € e a pagaren o custo da reparación.

Nembargantes, a lediza polo éxito acadado quedou esvaecida cando se comprobou que o xuíz aceptara a concorrencia na súa actuación da agravante de discriminación por motivos ideolóxicos, sinalando literalmente que “los acusados actúan por motivos de discriminación y ésta se centra en la ideología de la persona que representaba la estatua”, e baixo o argumento de que o móvil da acción foi ideolóxico xa que “los condenados intentaron derribar lo que simbolizaba el general Millán Astray” e que a súa intencionalidade era “combatir una ideología que entienden perniciosa para la sociedad”.

Abraiados, os xovens decidiron formular recurso, presentando escrito de oposición ao recurso ao Concello de A Coruña, que defendia a aplicación da agravante (ainda que eles non solicitaran no xuízo a súa apreciación).

Tendo en conta que a ideoloxía de Millán Astray era o fascismo, a conclusión é aberrante: un Estado democrático e de dereito, por medio do seu Código Penal, protexe a ideoloxía fascista.

Que o sr. Millán Astray foi un fascista non ten dúbida nengunha, e el mesmo escribiu (na súa obra “Franco. El Caudillo”, Salamanca 1939, páx. 209) “… no hay más que un camino de salvación: el del despertar de los grandes pueblos en donde se yerguen sus Caudillos, los grandes Caudillos de la era presente de la vida de la Humanidad: Mussolini, Hitler, Hiro-Hito, Oliveira Salazar, Francisco Franco Bahamonde”, sendo sonado o seu enfrontamento co filosofo e novelista Miguel de Unamuno o 12 de outubro de 1936 no Paraninfo da Universidade de Salamanca, a quen lle espetou”¡viva la muerte!, ¡muera la inteligencia!”.

Como di o historiador PAUL PRESTON (“Las tres Españas del 36″, Ed. Plaza y Janés, 1998, páx. 65) “José Millán Astray y Terreros fue, quizá, la persona que más influencia ejerció en la formación moral e ideológica de Francisco Franco. [...] … su contribución al ideario violento de la extrema derecha española fue única, gracias a la creación del Tercio de Extranjeros. En él institucionalizó y evangelizó los valores brutales y embrutecedores con que Franco libró y ganó la guerra civil española”.

O fascismo, que é a ideoloxía da persona que representaba a estatua, non pode ser considerado, en modo algún, como un dos valores especialmente protexidos polo lexislador democrático cando introduciu a agravante de actuar por motivos de discriminación ideolóxica.

A introdución no noso ordeamento de esta agravación punitiva suscitou un grande debate doutrinal centrado no seu fundamento e a súa eficacia, e tamén sobre a súa compatibilidade co principio do dereito penal de responsabilidade polo feito cometido, xa que unha intervención penal baseada nas actitudes ou modo de pensar do autor non tería cabida no dereito penal de un Estado democrático e de dereito.

Para compatibilizar a agravación cos riscos de incriminación da actitude interna e da censura ideolóxica, a doctrina maioritaria sitúa o fundamento da agravante no desvalor adicional do resultado e, de este punto de vista, o plus de gravedade estaría na idoneidade da conduta para conmocionar as condicións de seguridade existencial do colectivo especialmente vulnerable o que pertence o suxeito contra o que se cometeu o delito, precisamente por razóns de raza, orientación sexual, ideoloxía, etc., supoñendo unha ameaza ao colectivo de referencia, aínda que non sexan destinatarios inmediatos da conduta delictiva que se pretende agravar.

En definitiva, o fundamento da agravante reside na negación da dignidade humana da vítima discriminada, onde a conducta típica xera, á súa vez, un perxuizo supraindividual ao afundir ainda mais o colectivo correspondente na súa situación (histórica e social) de marxinación.

Como di LANDA GOROSTIZA (“La política criminal contra la xenofobia y las tendencias expansionistas del Derecho penal”, Granada 1991, páx. 90), “… el fundamento de la agravación del art. 22.4 se situaría no en el reproche por la motivación interna, sino en el significado que adquiere esa motivación en la medida que exteriorice una carga expresiva de advertencia amenazante para los miembros del grupo en situación de riesgo. La traducción dogmática de esta interpretación se proyecta en el plano del injusto, evitando así la intolerable incursión del derecho penal en el campo del pensamiento o de los afectos”.

No noso caso, resulta totalmente improcedente a aplicación da agravante de actuar por motivo de discriminación ideolóxica da vítima, xa que non só non existe vítima humana algunha no feito cometido, polo que falla a premisa maior para a aplicación da agravante (xa que estamos diante de danos cometidos sobre un obxecto inanimado), senón que non existe ningún colectivo en situación de risco pola súa ideoloxía cuxos membros podan sentirse ameazados polo feito cometido, salvo que se pretenda que os admiradores do fascismo, ideoloxía da que era figura destacada o sr. Millán Astray, son un grupo especialmente vulnerable e discriminado que debe ser protexido cando, pola contra, é a sociedade a que ten que se protexer do fascismo.

Ademais os acusados non actuaron por motivos de discriminación, senón en cumprimento da legalidade democrática e con intención de desagravo precisamente das vítimas da persoa que representaba a estatua e dos seus correlixionarios, vítimas para as que o homenaxe que a estatua supón constitúe unha afrenta permanente.

Sendo certo que na súa actuación influíron as súas conviccións políticas, xa que todos eles son nacionalistas galegos, esa circunstancia non pode ter como consecuencia unha agravación da pena que lles poda corresponder, xa que de ese modo se estarían a castigar as ideas e o pensamento, o que resulta intolerábel nunha sociedade democrática.