You are herePresión policial

Presión policial


IDENTIFICACIÓNS INDISCRIMINADAS

Con esta expresión non me estou a referir á que se pode exercer, nun determinado momento, sobre un grupo de delincuencia organizada, narcotraficantes, ou sobre unha zona onde existen índices de delincuencia moi altos. Non.

Estou falando da presión que, por parte dos responsables políticos do Ministerio do Interior e dos responsables policiais politizados, están a sufrir os mandos policiais a tódolos niveis.

E todo isto como consecuencia do que era previsible: do aumento dos índices de delincuencia ata parámetros que, se ben non son alarmantes, xa lles empezan a preocupar. Xa manifestei, neste mesmo medio non fai moito tempo, que irremediablemente íamos chegar a esta situación máis cedo que tarde.

Son precisamente, os que agora presionan, ós únicos responsables deste incremento da delincuencia. Se á situación de crise, co conseguinte incremento do estado de pobreza, lle engadímola política de abandono dun dos piares do estado do benestar, como é a seguridade, cunha redución considerable da oferta de prazas para a policía; dun drástico recorte orzamentario en equipamentos, uniformidade ou arranxo de vehículos; e o recorte dos salarios dos funcionarios, témolos ingredientes necesarios para que a pota comece a ferver.

A miña solidariedade con estes mandos policiais que se revelan contra a cultura do “palote” ( por exemplo, facer identificacións indiscriminadas coa intención de cadralo balance de resultados da delincuencia). Sobre todo con algúns que sei que o están pasando mal, incluso con repercusión na súa saúde. Pola contra, o meu desprezo para aqueles que seguen o xogo por temor a non saír na foto, chegando a facer manifestacións públicas que avergonzarían a calquera. Un claro exemplo desto é o Comisario Provincial de Ourense.

Dende logo, quen non vai cumprila instrución de facer identificacións indiscriminadas son os policías que, día tras día, patrullan as rúas das nosas vilas e cidades, simplemente porque son ordes manifestamente ilegais, que no afán de fomentar unha xustificación policial en base a estatísticas, rematan supoñendo unha vulneración dos dereitos dos cidadáns.

Existe xurisprudencia dabondo, tanto do Tribunal Constitucional como do Tribunal Supremo, que establecen claramente  os indicios que se teñen que producir para que os policías podan identificar a alguén: que se cometeu un delito, de que se vai a previr ou que se está cometendo algunha infracción.

De non actuar así, os policías estarían poñendo en risco a súa propia seguridade xurídica. E así vemos como, cada ano, unha ducia de funcionarios policiais, son expedientados e sancionados coa expulsión do corpo por detencións ilegais, como consecuencia de seguir estas instrucións.

Con este tipo de política o equilibrio entre liberdade e seguridade salta polos aires, primando esta sobre a primeira.

Certamente os policías estamos para garantila seguridade, pero tamén a liberdade dos cidadáns, sen esquecela nosa propia seguridade xurídica.

Pretenden xustificar coa estatística unha situación policial falsa.

Cos policías de a pé que non conten.