You are hereEn estado de liquidación

En estado de liquidación


A DEMOCRACIA ISRAELITA

O Likud, o partido do primeiro ministro Benjamin Netanyahu, aprobou a semana pasada unha polémica lei que lle permite aos colonos de Cisxordania pedir compensacións a todos aqueles israelís que promovan o boicot aos seus asentamentos ou a Israel. De acordo coas leis internacionais, as colonias dos Territorios Ocupados de Palestina, incluíndo as Xerusalén Este, son ilegais. As organizacións de dereitos humanos, os grupos de esquerda e diversos medios de comunicación israelís coidan que o paso dado por Netanyahu –que se abstivo na votación– pon en perigo a saúde da democracia e que a lei aprobada restrinxe a liberdade de expresión no país.

Porén, os partidarios da nova lei aseguran que o seu obxectivo é facer fronte ao boicot cultural e económico contra os asentamentos no West Bank e Israel. As colonias israelís nos Territorios Ocupados están situadas nas denominadas áreas ‘C’, segundo a terminoloxía dos Acordos de Oslo de 1993. Isto supón que Israel controla politica, policial ou militarmente esa zona. De acordo coa nova norma, calquera israelí que viole esta lei pode ser multado con até 13.000 euros. O denunciante non ten que probar que se inflixiu un dano.Abonda con que haxa unha evidente sospeita de que do boicot se podía ter esperado ese dano. As accións de protesta contra os colonos saltaron as primeiras páxinas dos xornais israelís hai uns meses, cando un feixe de reputados actores israelís rexeitaron asistir ao teatro de Ariel, un dos grades asentamentos de Cisxordania.

Amnistía Internacional cre que a nova lei terá un efecto estarrecedor na liberdade de expresión en Israel. “Malia que os seus partidarios digan o contrario, esta lei é un intento flagrante de acabar coa disensión e a protesta pacífica atacando o dereito á liberdade de expresión, que todos os gobernos deben defender”, asegurou Philip Luther, o vicedirector de Amnistía Internacional para Oriente Medio e o Norte de África. “Nunha ampla definición de boicot entraría calquera que que empregue estes medios non violentos de protesta para criticar a persoas ou institucións que están implicadas na violación de dereitos humanos ou de leis internacional en Israel ou nos Territorios Ocupados”, apostilou. De feito, Reuven Rivlin, o presidente do Knesset –o Parlamento israelí– asegurou a semana pasada que apelara a Netanyahu sen éxito para que emendase a proposta de lei despois de que o asesor legal do Parlamento asegurase que a norma afectaba a liberdade de expresión política en Israel.

Pola súa banda, a Asociación dos Dereitos Civís en Israel, que se opón á lei, asegurou que “con independencia da posición de cada quen sobre a cuestión de promover ou opoñerse a boicots, iso é incuestionabelmente un xeito de protección da liberdade de expresión”. O xornal israelí Haaretz publicou a semana pasada un durísimo editorial no que aseguraba que os parlamentarios que votaron a lei estaban “apoiando o esganamento das protestas coma parte dun continuado esforzo por liquidar a democracia”. “Están tentado silenciar un dos xeitos máis lexítimos de protesta democrática e restrinxir a liberdade de expresión e de asociación para todos aqueles que se opoñen á ocupación e á violencia dos colonos”, advertiu o rotativo. Algúns dos seus columnistas tamén censuraron con dureza a lei antiboicot. Gideon Levy escribiu un artigo este pasado domingo no que instaba ao presidente de Israel, Simon Peres, a “parar a destrución da democracia israelí”. Se ao presidente “aínda lle queda un papel que xogar ese é o de tentar evitar a destrución da democracia. Non se trata de loitar pola paz nin contra a ocupación. Isto é a cerna da cerna”, asegurou. Yossi Sarid, pola súa banda, incidiu en que o boicot é unha grande tradición xudía: “Semella que todo o que é posíbel dicir sobre esta lei xa se dixo: que é antidemocrática, anticonstitucional e que expón a Israel a unha grande desgracia. Pero ninguén dixo que é unha desviación dunha antiga tradición xudía, dunha cultura nacional. E Zvi Bar’el puxo o dedo na ferida ao sinalar na súa columna do pasado domingo que Israel está facendo realidade o soño dos colonos. “Como en Siria, Israel está evoluíndo rapidamente cara a unha situación na que unha minoría controla á maioría”, asegura. “En que outro país un 5% da poboación pode condicionar o estilo de vida de sete millóns de habitantes?”, pregúntase. É unha idea coa que o seu compañeiro nas páxinas do xornal Yossi Verter concorda: “Os colonos son o verdadeiro goberno de Israel”.

Nun claro desafío á nova lei, militantes do partido israelí de esquerdas Meretz acudiron o pasado mércores a diversos supermercados do país para marcaren os produtos que proveñen das colonias cunha adhesivo verde no que se pode ler: “Manofacturado nas colonias”. O secretario xeral do partido, Dror Morag, asegurou que a loita non é só contra os produtos que chegan dos asentamentos, senón sobre a “esencia da democracia”. Foi un deputado deste partido, Nitzan Horowitz, o que lanzou un dos máis furibundos ataques contra o lei na sesión do pasado luns 11 de xullo no Knesset. “Estamos a falar dunha lexislación que é unha vergoña para a democracia israelí e que fai que os cidadáns de moitos países do mundo se pregunten se aquí existe verdadeiramente unha democracia”, asegurou.

A lei era antes da súa aprobación unha pataca quente para o primeiro ministro Benjamin Netanyahu. Tras a súa entrada en vigor é unha perigosa arma que pode facer naufragar o seu goberno de coalición co radical Avigdor Lieberman, ministro de Exteriores do actual gabinete. Lieberman non só quere protexer os colonos contra calquera boicot. A súa última proposta é a creación dunha lei pola que se poida investigar dende o Parlamento o financiamento dos grupos de esquerdas, que o ministro cualifica de “organizacións terroristas”. Algo ao que o Likud se opón. O ministro de Exteriores asegurou este pasado luns que os comités de investigación que propón o seu partido, o Yisrael Beiteinu, non escrutarían ás organizacións de dereitos humanos, senón a grupos que deslexitiman a Israel e contribúen ao terror, nomeadamente aquelas organizacións que axudaron ao Comité de investigación de Goldstone a investigar os crimes cometidos durante a operación Chumbo Fundido en Gaza entre 2008 e 2009. Lieberman enumerou as organizacións de dereitos humanos no punto de mira: Adalah, a ONG de axuda árabe; o grupo de dereitos humanos Yesh Din; Breaking the Silence, unha organización formada por veteráns do Exército de Israel, e a organización de obxectores de conciencia New Profile. “Son os mesmos grupos e a mesmas persoas que estaban no Mavi Marmara e evitaron que os soldados israelís defendesen Israel”, dixo o ministro. Lieberman pediulle lealdade a Netanyahu­ para instaurar o macarthismo en Israel. “A única democracia de Oriente Medio”, lembrou o ministro.

NEWSLETTER

Boletín electrónico
Para recebir o Newsletter de EsCULcA, subscríbase aqui

Último Número

BIBLIOTECA

Luz Gómez (ed.)
Jaume Asens e Gerardo Pisarello

VIDEOTECA

David Fedele
Hany abu-assad

29 de Septembro de 2014

Redes Sociais