You are hereA

A


Guillerme Presa Suárez
10/04/2011

O avogado Guillerme Presa Suárez (Vigo, 1961) é o secretario de Esculca, o Observatorio Galego para a Defensa dos Dereitos Fundamentais e as Liberdades Públicas, que considera que o Concello de Santiago se “extralimitou” no dispositivo de seguridade implantado na urbe pola visita do Papa.

 

A demanda, non debía ir dirixida tamén ao Goberno central e a Xunta, que se encargaron de boa parte do plan de seguridade da visita de Joseph Ratzinger?

 

Aínda que o Goberno central e a Xunta tamén participaron nesas medidas, nós consideramos que o Concello de Santiago é quen ten autoridade sobre a cidade. E ese plan de seguridade extralimitouse quebrantando numerosos dereitos dos cidadáns, con actuacións ilexítimas.

 

Como cualificaría a actuación das forzas de seguridade no plan?

 

A demanda documenta a vulneración dos dereitos dos cidadáns e a actuación absolutamente desproporcionada das forzas de seguridade. Por que impediron que as persoas que non estaban de acordo coa visita se expresaran libremente? Pretendeuse dar a imaxe de que todo foi amabilidade e a realidade é que non foi así.

 

Como valora as afirmacións de Bugallo, quen asegurou que parte da zona histórica compostelá era “territorio Vaticano” na xornada previa á chegada do Papa?

 

Facía moito tempo que non escoitaba a un político dicir sandeces xurídicas de tal calibre. Bugallo realizou esas afirmacións en rolda de prensa, non estaba na barra dun bar senón que falou como alcalde, como máxima autoridade da cidade de Santiago, así que espero que iso poida ter algunha repercusión.

 

Cre que a visita de Bieito XVI foi beneficiosa para Galicia ou non?

 

Ese evento, como xa fixeron público tanto a Xunta como a propia Igrexa, non tivo o éxito que se esperaba. Foi un rotundo fracaso e estamos orgullosos de ter contribuído a que iso fora así. E é que esta visita non era oficial senón pastoral. Díxose en numerosas ocasións que o Papa viña como peregrino e non como xefe de Estado. E reclamamos iso precisamente, a separación da Igrexa e o Estado na práctica, dunha vez por todas. Porque no fondo da demanda está latexante a cuestión do laicismo.

 

Celebrarán actos reivindicativos complementarios nese sentido?

 

Xa amosamos que discrepamos sobre o tratamento da cuestión relixiosa en Galicia e en España, a través de diversas iniciativas. Non entendemos como os políticos se pelexasen por facerlle ofrendas ao Apóstolo. Son como os indios Pel Roxa facendo a danza da chuvia. É ridículo, máis se temos en conta que España é un Estado laico, a Constitución recólleo con total claridade. Así que consideramos que o protagonismo da Igrexa neste tipo de actos públicos resulta absolutamente intolerable.

D. Prieto (Xornal de Galicia - 18/01/201)