You are hereLembrando obviedades.

Lembrando obviedades.


A Folga como dereito fundamental
28/03/2012

Ao contemplar un feito dende o prisma das urxencias organizativas e dos intereses contrapostos en xogo esquecemos moitas veces a súa esencialidade, o substancial da súa natureza. Isto acontece co dereito de folga e mais cando poderosas maquinarias mediáticas e think tanks neocons teiman en diluír a súa natureza de dereito fundamental, devaliandoo por medio da asimilación a un  episodio de algarada .

Non é esta unha afirmación voluntarista . Basta examinar con certa atención a Circular interna da CEOE e CEPYME publicada ante a convocatoria de folga xeral o 29 de marzo para constatar que nin unha única vez se cualifica a folga pola súa esencialidade de dereito fundamental. Pola contra, afirmase que “o exercicio da folga xeral e o risco de violencia e danos que leva consigo é rexeitábel sempre”. Conclusión: para a CEOE e a CEPYME o exercicio dun dereito fundamental non so é rexeitábel senón que leva consigo risco de danos e violencia .

Estamos diante dun claro exercicio de criminalización do exercicio dun dereito fundamental. Non é o primeiro proceso deste tipo, sucede tamén co exercicio de outros dereitos como o de reunión e manifestación . Mais os importantes intereses en xogo fan mais acusada , se cabe, a intención de desvirtuar este dereito fundamental.

Esas concepcións “teóricas” encontran pista de aterraxe nas limitacións gobernativas ao exercicio do dereito. EsCULcA elaborou un relatorio sobre a folga de xaneiro de 2011 na que se constatan actuacións nidiamente ilegais como identificacións e rexistros corporais de persoas que integraban piquetes informativos e dos seus vehículos. Producíronse seguimentos de persoas polo único feito de participaren en actos de información e difusión da folga. Mesmo se impediu un piquete falar cos traballadores, afirmando os axentes que estes “xa estaban informados”.

O Tribunal Constitucional ditou numerosas resolucións interpretando o dereito de folga. A pretendida devaliación de rango deste dereito determina a existencia dun tópico consistente en atribuír a estas sentencias ou autos un contido estritamente laboral. Mais non é así, estas sentenzas subliñan que a esencialidade da folga reside precisamente na súa natureza de dereito fundamental. De feito parece que o Tribunal Constitucional, nun exercicio de presciencia, albiscou xa hai algún tempo tendencias criminalizadoras cara a este dereito pois nun auto do ano 1995 tivo que declarar que afirmar que a existencia de piquetes informativos creaba un risco de violencia supuña unha inaceptábel presunción de que o dereito fundamental á folga se exercitaría antixuridicamente.

Recentemente coñeceuse unha sentenza denunciando unha actuación empresarial de esquirolaxe externa durante a folga de xaneiro de 2011. E nesa vertente “laboral” do exercicio do dereito, os sindicatos non dubidan en exercer accións contra as limitacións do dereito fundamental.

Mais cómpre non esquecer que moitas das limitacións virán da man dos poderes públicos e das forzas de seguridade do Estado. Compre lembrar que non hai que soportar identificacións arbitrarias polo mero feito de participar nun piquete  informativo e que, de se produciren, deben ser denunciadas. Que non proceden rexistros inxustificados e que, de existiren, deben ser denunciados. Que non é a policía nin a garda civil quen debe sinalar os limites do dereito a información aos traballadores para que secunden a folga e que, de mediaren actuacións deste tipo, deben ser denunciadas.

Que os cidadáns teñen dereito a que os forzas de seguridade porten a súa identificación visíbel, inda que leven material antidistubios, e que,  de non a levaren, deben ser denunciados. Que non cabe que a actuación dos piquetes informativos sexa gravada polos axentes policiais sen autorización gobernativa e respectando os limites que marcou o Tribunal Constitucional no ano 1998, e que, se a gravasen, esta actuación debe ser denunciada.

Se non facemos así, non lles será precisa unha futura lei de folga de tendencia restritiva porque a devaliación da natureza deste dereito fundamental terá acadado os mesmos efectos no lento, mais infelizmente certo, camiño en que por agora andamos cara a un estado de dereito de baixa intensidade.